DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este novo traballo, con espírito divulgativo, está publicado pola editorial Laiovento

O profesor Carlos Garrido analiza, no seu novo libro, os principais males que hoxe aflixen o léxico galego

Considera dunha intensidade “brutal” o proceso de degradación lexical sufrido dende o século XVI

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Lingua Galega
  • Publicacións
  • Investigación
M. Del Río DUVI 25/02/2022

Aló polo 2012, o profesor do Departamento de Tradución e Lingüística da Universidade de Vigo Carlos Garrido publicaba Léxico Galego: Degradaçom e Regeneraçom, un libro de máis de 800 páxinas no que o autor realizaba unha diagnose sobre a situación lexical do idioma, a estratexia a seguir para acadar unha rexeneración plena e os alicerces sobre os que debe configurarse unha codificación verdadeiramente eficaz. Agora, dez anos despois, o investigador volve abordar esta mesma temática pero dende un punto de vista máis divulgativo en O Escándalo do Léxico Galego: Análise da sua Lastimosa Degradaçom Histórica e Denúncia da sua Dolosa Falta de Regeneraçom Atual, publicado pola editorial Laiovento.

O autor explica que a obra publicada en 2011, na que analizaba en detalle os factores de degradación sufridos polo léxico galego, estaba destinada a especialistas, a filólogos e lexicólogos. Esta nova publicación trata de adaptarse a un público máis amplo co obxectivo de “fazer circular na sociedade umhas ideias que me parecem fundamentais para, nesta altura, podermos regenerar cabalmente o léxico galego”. Por iso, engade Garrido, a obra ten “umha redaçom amena e uns conteúdos atraentes (nalguns casos, reutilizo material de artigos que tenho publicado no Nós Diario), mas, ao mesmo tempo, nom detraim ao texto o rigor que estava presente na monografia, polo que este novo livro também tem caráter de repositório informativo fundamental sobre os fatores de degradaçom e sobre as medidas de regeneraçom do léxico galego”.

No libro, as e os lectores van poder atopar información e estímulos “para umha reflexom profunda, mas acessível, e por vezes curiosa, irónica e propositadamente veemente, sobre os graves males que, desde a catástrofe política e sociocultural dos fins do  século XV, o léxico galego tem sofrido, e sobre a passividade e as intervençons despropositadas com que os agentes codificadores oficialistas, longe de remediarem tais males, os tenhem agravado nos últimos quarenta anos”. 

Un escándalo duplo

Para o profesor Garrido, “como se insinua no subtítulo do livro, o escándalo é duplo”. Así, por unha banda refírese á intensidade “brutal” dos procesos de degradación lexical que, dende o século XVI ata a actualidade “incidem sobre o léxico galego”, e determina unha “descaraterizaçom e umha insuficiência expressivas que, para qualquer pessoa favorável à sobrevivência da língua autóctone da Galiza, se tenhem de revelar devastadoras, pungentes”. Por outro lado o autor sinala como parte deste dobre escándalo o papel dos “agentes codificadores oficialistas”, en referencia á Real Academia Galega e o Instituto da Lingua Galega. Sostén Garrido que “autorizados polo poder político”, estes organismos téñense mostrado nos últimos corenta anos de «normativizaçom» “incapazes de remediar a degradaçom lexical herdada da «história clínica» do galego”, citando a Carvalho Calero. Ademais, considera que “em considerável medida, tenhem agravado tal degradaçom lexical, com as suas freqüentes intervençons despropositadas, o que ainda torna maior o escándalo a que o título da obra se refere”.

Os principais males que aflixen o sistema lexical galego

Segundo explica na súa obra o profesor Garrido, existen dous tipo de factores degradativos que afectan ao léxico galego. Por unha banda, os procesos de degradación e, por outra, as actitudes non rexeneradoras dos axentes codificadores oficialistas. No primeiro grupo o investigador inclúe, entre outros factores, “a variaçom geográfica sem padronizaçom”, que se produce, por exemplo, cando para designar unha abertura nunha parede existen “as variantes fiestra, janela e ventá [esta última, provavelmente, um castelhanismo], sem que socialmente se tenha consagrado umha delas como supradialetal)”. Neste mesmo grupo está tamén a “variaçom diafásica sem padronizaçom, que é a indistinçom de registos entre sinónimos”, por exemplo empregando a forma coloquial cartos, en vez da formal dinheiro. Outro factor degradativo é “a variaçom de freqüência de uso”, xa que como explica Garrido “em castelhano sabemos que enfermedad é mais freqüente que o seu sinónimo dolencia, mas, em galego, a maior parte das pessoas ignora, entre doença e enfermidade, qual deve ser o sinónimo mais freqüente)”. Outros factores son a “substituiçom castelhanizante” (Galicia, en lugar da “xenuína” Galiza); “a erosom e eventual suplência castelhanizante associada”, en referencia, por exemplo, ao termo portagem, que era unha palabra galega na época medieval, e hoxe foi substituía polo castelanismo peaxe, ou “a estagnaçom e a suplência castelhanizante associada”, que se refire ao uso, por exemplo, da palabra silicona, proveniente do castelán, “que na nossa língua apresenta um efeito cacofónico devastador”. 

No que atinxe ás actitudes non rexeneradoras dos axentes codificadores oficialistas (RAG e ILG), Garrido destaca tres: a inhibición, a intervención “despropositada” e os diferencialismos abusivos. Exemplo da primera é que estes axentes non determinan, en moitos casos, cal é a variante xeográfica supradialectal, ou o sinónimo formal, ou o sinónimo frecuente, sostén Garrido, e “nom restauram em plenitude elementos lexicais substituídos ou erodidos, como Galiza ou portagem e nom expurgam crassos castelhanismos suplentes, como silicona”. En referencia á “intervençom despropositada”, o investitgador explica que o oficialismo despreza, lesivamente, variantes galegas comúns “que nos fam convergir com o luso-brasileiro, como cair ou rim e chega a inventar neologismos faltos de idiomaticidade, disfuncionais ou, mesmo, escandalosamente cacofónicos, como (emot)icona”. O terceiro tipo de actitudes son aquelas que tornan “os usos lexicais em galego artificiosos, pobres e incoerentes (como o abuso de atopar, com o sentido geral de encontrar, ou de rematar, em vez de acabar, findar, concluir, etc.)”.

Remedios para estes males

Fronte a todos estes males, o autor tamén propón unha serie de achegas terapéuticas. De feito, unha das conclusións da obra, que Garrido considera de “sentido común”, é a aposta por un galego naturalmente coordenado co luso-brasileiro. Recalca o autor que “para contrariarmos a subordinaçom formal e funcional a respeito do castelhano que mais de cinco séculos de «história clínica» e cerca de quarenta anos de codificaçom oficialista tenhem causado ao léxico galego” a estratexia rexeneradora consiste nunha “constante coordenaçom, com as adaptaçons que forem oportunas, com o léxico das variedades socialmente estabilizadas do galego-português, ou seja, a lusitana e a brasileira”. Ademais, recalca o docente que esta estratexia é a “natural, coerente, económica e sociolingüisticamente vantajosa”.