DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O profesor Cebrián de la Serna analiza o uso dos e-portafolios na avaliación formativa

Participou nas conferencias do ciclo de Ensinanza e Aprendizaxe da Vicerreitoría de Alumnado, Docenc

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
Anabel Vila DUVI 18/02/2011
Os e-portafolios deben ser un espazo onde o estudante deposite os seus traballos, as súas reflexións, á vez que o docente os vai avaliando e "acompañando no proceso de autoaprendizaxe”, asegura Manuel Cebrián de la Serna, profesor de Ciencias da Educación da Universidad de Málaga e director do grupo de Investigación en nuevas tecnologías aplicadas a la educación da Junta de Andalucía. Cebrián participou na cuarta conferencia do ciclo de Ensinanza e Aprendizaxe que organiza a Vicerreitoría de Alumnado, Docencia e Calidade, na que expuxo ante docentes da Universidade de Vigo o seu traballo cos e-portafolios e as e-rúbricas.

O profesor explicou que estas ferramentas formativas son “útiles cando os conceptos, os propósitos que se buscan están moi claros para o alumno e para o docente”. Ademais salientou a importancia de que as tarefas que fagan dentro desta plataforma “estean relacionadas coas súas futuras tarefas profesionais”, xa que iso supón unha maior implicación do estudantado. Entre as condicións básicas para que os e-portafolios funcionen como apoio á ensinanza presencial, o grupo que dirixe Cebrián de la Serna destaca a definición clara da e-rúbrica, é dicir, “a ferramenta que ofrece aos estudantes información sobre as competencias que teñen que acadar, así como as evidencias que lles informan do que teñen que facer”.

Proceso baseado na retroalimentación

O traballo cos e-portafolios é un proceso de retroalimentación que comeza cunha presentación do programa, unha “negociación do que teñen que aprender, xa que non serve darllo feito, teñen que colaborar na planificación”, a recollida por parte do alumnado de evidencias do que aprendeu, a súa valoración coa e-rúbrica, a elaboración dun borrador e a posta en común dos resultados obtidos. Deste xeito pódese aplicar, ademais, a avaliación entre pares como unha ferramenta formativa.