DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ante 300 especialistas de 12 países reunidos en Cádiz

O profesor Fernando Ramos analizou a imaxe da monarquía no Congreso Internacional de Protocolo

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
DUVI 26/11/2012

Ao abeiro das conmemoracións do Bicentenario da Constitución de Cádiz, tivo lugar o XIII Congreso Internacional de Protocolo ao que estivo convidado o profesor da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, Fernando Ramos, que analizou a crise de imaxe da monarquía española ante preto de 300 especialistas procedentes de 12 países de todo o mundo. O docente do campus pontevedrés reflexionou sobre o progresivo deterioro que está a sufrir a proxección pública da coroa e sobre as medidas que se están pondo en marcha dende a Casa Real para tentar paliar eses efectos.

Segundo o profesor Ramos, “a perda de imaxe da monarquía é netamente anterior aos feitos que tiveron lugar entre novembro de 2011 e maio de 2012”, pois enquisas do Centro de Investigacións Sociolóxicas xa reflectían previamente que o rexeitamento da Coroa medra de xeito exponencial entre a poboación menor de 40 anos. Pese aos intentos de evitar que algunhas informacións transcenderan á prensa e do favor da prensa nacional, “non sempre foi posible evitar que determinados feitos transcenderan e os medios de comunicación españois non tiveron máis remedio que facerse eco do que publicaba a prensa estranxeira”.

Algunhas medidas

O experto en protocolo da Universidade de Vigo tamén afondou nas medidas que a Casa Real puxo en marcha para tentar frear a crise de comunicación xerada, tales como apartar da imaxe pública aos “elementos contaminados” ou o emprego de recursos de comunicación moderna “para tentar presentar ao Rei como unha persoa próxima e preocupada polos problemas dos españois”. O profesor Ramos conclúe que aínda é precipitado facer unha valoración global “xa que aínda non comezou a amosarse unha nova cara da monarquía”, mais si que confirmou que “está en xogo moito máis que un sentimento de impopularidade temporal da familia real, a historia ensina que algúns procesos sociais son imparables e a monarquía deberá convencer á cidadanía de que é útil e que o Rei é un ente máis entre todos”.