DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na mostra “Afinidades Selectivas 3” na Casa Galega da Cultura ata o 25 de xullo

Profesorado e alumnado de Belas Artes amosan conxuntamente as súas “afinidades” artísticas

A iniciativa está organizada pola Universidade e o Concello de Vigo

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
Sara Alcázar DUVI 10/06/2010
A creatividade de catro profesores e catro licenciados da Facultade de Belas Artes de Pontevedra aflorou en cada unha das pezas que compoñen a mostra Afinidades Selectivas 3, que se inaugurou este xoves na Casa Galega da Cultura.
Un proxecto colectivo que reflicte o traballo artístico, froito da estreita colaboración entre profesorado e alumnado fóra das aulas, no que se mestura a experiencia e a reciclaxe artística dos docentes e a frescura dos máis novos.
Segundo subliñou a vicerreitora en funcións de Extensión Cultural e Estudantes, Mª del Carmen Cabeza, durante o acto de inauguración,“é unha honra e un orgullo chegar á terceira edición desta mostra, un proxecto que ao longo destes anos colleu corpo e ten definición de seu”. Durante a súa intervención, Cabeza aproveitou a ocasión para despedirse despois de catro anos ao fronte da Vicerreitoría de Extensión Cultural e Estudantes, desexando fortuna ao equipo reitoral entrante. “Non quería deixar pasar este momento para agradecer a todas as persoas que durante estes anos estivestes preto e xogastes un papel moi importante para sacar adiante as iniciativas culturais e de igualdade impulsadas dende esta vicerreitoría” comentou.
Pola súa banda, o concelleiro de Cultura do Concello de Vigo, Xesus López, recalcou o éxito acadado pola mostra nos derradeiros tres anos, que definiu coma unha actividade formativa, “ao tempo que contribúe a cubrir necesidades tan importantes como as do ocio e o deleite, sendo un espazo artístico que reúne creatividade, frescura e a forza das pezas”.
Un proxecto coordinado nesta ocasión polo director do Departamento de Escultura da Universidade e coordinador do programa de doutoramento Modos de Coñecemento da Práctica Artística Contemporánea, Juan Loeck. O comisionado da mostra escolleu a catro estudantes de terceiro ciclo do centro, que a súa vez se emparellaron cos docentes que eles mesmos consideraron máis afíns coas súas propostas creativas para participar na exposición, que permanecerá aberta ao público ata o vindeiro 25 de xullo na Casa Galega da Cultura.

A creatividade de docentes e alumnos, plasmada en múltiples disciplinas

A mostra, composta por un total de sete obras, recolle un amplo abano de disciplinas artísticas clásicas como o debuxo, a pintura e a escultura, pasando por as máis modernas, como a fotografía e o vídeo.
Baixo o título “Muro con rosas vermellas e azuis. Camiño de Gorgullón”, a profesora Nati Bermejo achega unha particular experiencia de observación en forma de vídeo, unha obra que garda estreita relación coa do alumno Samuel Castro, especializado na proxección espacio-temporal do obxecto artístico, que creou para a ocasión unha maqueta dunha cidade deserta e “devorada” pola vexetación.
Pola súa banda, a estudante de terceiro ciclo en Belas Artes, Tamara Feijóo, expón un trampantojo baixo o título La Science Amusante, empregando como base o aluminio para semellar as follas dun caderno, sobre as que debulla serigrafías que parecen estar realizadas con tinta, mentres que a profesora Marisa Fernández realiza unha representación do corpo humano tallado sobre un cilindro de madeira.
A cera e o mel son os protagonistas da peza Clepsidra, realizada por Andrea Jambrina e Isabel Rueda, alumna e profesora respectivamente, na que a fotografía e a materia orgánica e inorgánica mestúranse dun xeito simbólico no espazo e o tempo con texturas densas e colores cálidos.
Na derradeira obra, arte, ciencia, tecnoloxía e ilusións ópticas mestúranse na proposta do tándem formado polo estudante Rubén Ramos e o docente Juan Fernando de la Iglesia, axudándose dun telescopio.

Tres anos de intercambio artístico entre docentes e alumnos

Afinidades selectivas 3, é a tercera entrega dun proxecto iniciado pola profesora de Belas Artes, Susana Cendán, en 2008 para o intercambio artístico entre docentes e alumnos, baixo a organización da Vicerreitoría de Extensión Universitaria da Universidade e o Concello de Vigo.
Na primeira edición da mostra, o criterio seguido por Cendán foi o de seleccionar a catro profesores e profesoras, que a súa vez buscaron a catro alumnos e alumnas para a elaboración de pezas artísticas conxuntas.
Na mesma liña que na edición inaugural da mostra seguíu o segundo ano dirixida por Nono Bandera, un dos profesores participantes na primeira edición. Nesta ocasión, Bandera foi o encargado de formas ás parellas de alumnos e profesores, actuando como detector das afinidades entre ambos.
Para deixar constancia unha vez máis do frutífero da relación entre mestre e alumno no eido das artes, o profesor Juan Loeck, que foi partícipe da anterior edición, deixou liberdade aos alumnos para emparellarse cos docentes máis vinculados ás súas propostas creativas.