DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Dúas docentes lusas estarán unha semana na Facultade de Ciencias da Educación

O profesorado 'Erasmus' tamén chega ao campus

O obxectivo é o intercambio de experiencias docentes e o estreitamento de relacións entre centros

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Rosa Tedín DUVI 21/09/2012

Esta semana o campus de Ourense celebrou a recepción ao alumnado estranxeiro que este cuadrimestre se incorpora ás aulas da Universidade de Vigo ao abeiro dalgún dos convenios ou programas de intercambio existentes con outros países. Entre eles o máis coñecido é o Programa Erasmus que, alén de estudantes, tamén trae ao campus docentes de universidades estranxeiras para, durante unha semana, impartir materias e intercambiar experiencias académicas. Daniela Gonçalves e Isabel da Silva, profesoras lusas de Ciencias da Educación, son dúas das súas primeiras beneficiarias este curso académico.

As docentes chegaron esta semana á Facultade de Ciencias da Educación de Ourense procedentes da Escola Superior de Educação de Paula Frassinetti de Porto. Segundo explica Xosé Manuel Cid, vicedecano da facultade ourensá, “con este centro portugués temos unha relación moi fluída, quizais é co que máis traballamos do estranxeiro. Agora mesmo temos seis dos nosos alumnos alí, nós temos tres dos seus estudantes aquí e cada ano realizamos ademais experiencias de intercambio de profesorado a través do Programa Erasmus”.

Grazas a este intercambio, os docentes, explica Cid, habitualmente están durante unha semana no campus de Ourense, imparten algunhas materias afíns ás súas especialidades, estreitan relacións cos investigadores da facultade e abren posibles liñas para incrementar a colaboración entre os respectivos centros. Ademais e como anfitrións, no caso da Facultade de Ciencias da Educación aproveitan a ocasión para amosarlle aos visitantes experiencias educativas ou sociais de referencia na cidade, como o Colexio Guillelme Brown.

Valoración moi positiva

“A experiencia é moi positiva en todos os aspectos. Cando impartimos docencia os alumnos na aula son moi participativos e perspicaces, as súas cuestións revelan un grande interese polos temas que abordamos”, explica Daniela Gonçalves. A docente salienta que para ela “estar no campus de Ourense é como estar na casa, porque aquí realicei o meu doutoramento e presentei a miña tese”. Agora que visita Ourense, non como alumna senón como docente que se encarga no seu centro das prácticas do alumnado, destaca que lle resulta moi interesante ver as fórmulas innovadoras empregadas na Universidade de Vigo neste eido e valorar a posibilidade de abrir proxecto de investigación aplicada en colaboración.

Pola súa banda, Isabel da Silva, docente de Matemáticas do mesmo centro luso, destaca especialmente “a oportunidade que brinda esta visita para ver como se traballa noutro cento e noutro país, de ver as diferentes metodoloxías que se aplican dentro da filosofía do EEES que subxace no novo modelo educativo europeo”. Na súa primeira visita á Universidade de Vigo quere deixar patente, ao igual que Daniela Gonçalves, o seu agradecemento polo excelente recibimento dado pola Facultade de Ciencias da Educación, e nomeadamente polo apoio prestado por Xosé Manuel Cid.