DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha xornada que se celebra o 25 de maio promovida pola Área de Ciencia Política e da Administració

Profesores do campus reúnen en Cambados aos principais axentes implicados na gobernanza do mar

O obxectivo é promover a definición dunha perspectiva común dende Galicia “para poder facer presión

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Bea Feijóo DUVI 22/05/2012

No presente ano, a Comisión Europea afronta a segunda reforma da Política Pesqueira Común, PPC, cunhas liñas mestras centradas na redución dos niveis de explotación e da flota pesqueira, ademais de introducir unha primeira idea de gobernanza no contexto marítimo. Co obxectivo de que o sector pesqueiro galego sexa quen de entender a importancia de crear espazos de entendemento entre os distintos axentes implicados, a Área de Ciencia Política e da Administración da Universidade de Vigo, co apoio do Concello de Cambados, organizan a xornada A Gobernanza do Mar, que se celebra o 25 de maio no salón de congresos José Peña do concello. O encontro reunirá aos principais actores da pesca e do mar de Galicia para debater sobre a pertinencia da gobernanza no mundo pesqueiro, “un tema transcendental nestes momentos, dado o importante peso do sector no PIB galego”, indicou Xosé Mahou, coordinador da xornada.

Este encontro, presentado este martes polos seus organizadores, os profesores Álvaro Xosé López Mira e Xosé Mahou, e polo alcalde de Cambados, Luis Aragunde, nace dun proxecto de investigación da Área de Ciencia Política e da Administración financiado pola Cátedra Filgueira Valverde baixo o nome de Gobermar. O docente Álvaro Xosé López Mira aproveitou o acto para agradecer publicamente a predisposición e o interese mostrado pola alcaldía cambadesa con esta actividade “en parte debido a que Cambados vive á beira do mar”. Con esta xornada, Universidade e Concello consolidan unha relación “que esperamos que se manteña moitos anos” e coa que a institución viguesa se fai presente na súa contorna local mediante a transferencia de coñecemento.”Unha Universidade activa, dinámica e nova como a de Vigo ten que estar ao pé da sociedade e, con esta xornada, amósase que dende as áreas de ciencia política tamén se pode facer transferencia de coñecemento e contribuír nun tema como o mar no que esta Universidade é referente internacional”, declarou López Mira.

Cuestión de confianza

Durante a xornada reflexionarase sobre as posibles reformas da PPC “e cales delas poden afectar máis directamente a Galicia”, destacou Xosé Mahou, ademais de tentar responder a preguntas como que é a gobernanza ou se se pode falar na comunidade autónoma de gobernanza do mar, entendendo como tal a necesidade de integrar a todos os actores na toma de decisións pesqueiras. Mahou sinalou que a Consellería de Mar si ten dado pasos a prol da creación dunha rede de colaboracións entre os distintos axentes implicados, “mais, para que exista unha gobernanza, tense que traballar a confianza entre sector e administración”, desenvolvendo unha perspectiva común dende Galicia para poder facer presión en Europa. “A capacidade do noso sector pesqueiro é tremenda polo que todos os implicados deben estar no mesmo barco buscando solucións consensuadas sobre os límites da captura, sobre os plans plurianuais de pesca, sobre o número de barcos nos caladoiros...”, apuntou Mahou.

Representantes de todos os axentes implicados

Co obxectivo de achegar unha perspectiva global sobre o tema, o encontro reunirá a representantes de todos os axentes implicados na reforma da PPC, dende participación internacional ata principais membros do sector do mar e da pesca en Galicia. O acto inaugural contará coa presenza do reitor, Salustiano Mato, e da conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, acompañados polo alcalde do concello de Cambados e por Benito González, presidente da Federación Galega de Confrarías de Pescadores. “Ao longo do día sentaremos na mesa a distintos voceiros de todos os niveis tanto da administración como do propio sector”, describiu Mahou, contando coas intervencións dun representante da política pesqueira holandesa, “exemplo de boa práctica”; de Marta Ballesteros, técnica do CETMAR; de Argimiro Rojo, catedrático de Ciencia Política da Universidade de Vigo; de Pascual Souveret, director executivo da Axencia Europea do Control da Pesca; de Juan Carlos Maneiro, secretario xeral do Mar e de Francisco Javier Touza, presidente de ARVI e Xan López, secretario da Federación Galega de Confrarías de Pescadores.