DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Desenvolto polo profesor Manuel Ojea no seu libro 'Trastorno del Espectro Autista de Bajo Funcionami

Un programa axuda aos nenos cun alto grao de autismo a comunicarse con imaxes

A publicación recolle cen actividades para mellorar accións fundamentais da vida cotiá deste colecti

Etiquetas
  • Ourense
Rosa Tedín DUVI 28/02/2012

Nacho, Ari, Lisa e Unax son catro rapaces españois que teñen en común ter autismo de baixo funcionamento, é dicir, no seu grao máis alto. Non empregan a lingua oral e de facelo limítanse a dúas ou tres palabras. Eles son os protagonistas do libro Trastorno del Espectro Autista de Bajo Funcionamiento: Comunicación Basada en Imágenes y el Acto de Señalar, que vén de publicar Manuel Ojea, profesor da Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense. A través da experiencia destes rapaces, o autor desenvolve un programa de actividades para que os nenos e nenas con este nivel de autismo melloren a súa comunicación coa contorna.

“As persoas con este trastorno son as máis deficitarias en todos os sentidos”, salienta Manuel Ojea. Deste xeito, explica, entre outras características non falan e de facelo aprenden no mellor dos casos dúas ou tres palabras; carecen de intencionalidade, pois non comprenden nin expresan conceptos; teñen unha comunicación repetitiva que non atende ao contexto no que se produce; carecen de creatividade, e realizan accións repetitivas a nivel motor, como xiros.

Aprendizaxe activa

Con esta situación de partida, o programa, deseñado para docentes e familias, está composto por cen actividades que pretenden axudar aos rapaces a desenvolver a comunicación en sete áreas, como son a benvida, os hábitos de vida diaria, o deporte, xogo e tempo libre, as tarefas escolares, as festas, as emocións e a despedida. “O programa busca unha aprendizaxe activa por parte dos nenos. O rapaz ao que se lle aplica este programa o que fai é percibir a acción de cada actividade, manipulala e facela propia mediante a súa construción activa”, destaca o docente.

Deste xeito, por exemplo no caso do saúdo, o rapaz con autismo comeza vendo unha fotografía doutro neno, Nacho, e da súa man saudando co texto "Hola!" ao pé, que é leído repetidas veces polo docente. De seguido, pinta e recorta un debuxo dun neno saudando e logo pégao de novo na ficha da actividade. Para rematar, o docente pega unha foto do propio neno con autismo saudando ao lado da foto de Nacho facendo a mesma acción. Deste xeito o menor remata identificando a súa propia imaxe coa acción que se quere ensinar. “En xeral cada actividade proposta ten o esquema: presentación dunha imaxe visual real; presentación das partes priorizadas do estímulo inicial; manipulación das partes mediante as técnicas de colorear, pintar, recortar, pegar; autopercepción da imaxe persoal (fotografía real), e realización do acto de sinalar sobre a imaxe visual da aprendizaxe previamente realizada”, explica Ojea.

Ensaio internacional

O programa foi realizado tendo como protagonistas a Nacho, Ari, Lisa e Unax, de idades comprendidas entre 6 e 8 anos e cuxos familiares e docentes realizaron as fotografías que forman parte do libro. Posteriormente o programa foi ensaiado con 14 estudantes de España, México e Estados Unidos. Á vista dos resultados obtidos, o docente da Universidade de Vigo salienta que “o programa aplicado facilitou a mellora de todas as dimensións comunicativas estudadas: comunicación, expresión, recepción, palabras, signos e capacidade do acto de sinalar obxectos e accións”. Os niveis menos significativos de mellora, explica, observáronse no apartado de signos debido a que os participantes que empregaban os signos como sistema alternativo de comunicación ao oral xa tiñan un nivel medio no uso dos mesmos antes do programa.

O libro, con ilustración de Emilio Diéguez e realizado coa colaboración da investigadora Nuria Diéguez, está editado por Psylicom e a Editorial Aguatinta e dá continuidade á ampla bibliografía de Manuel Ojea neste eido, pois é autor de obras como Emociones y Autismo: Programa de Desarrollo de la Comprensión Social e Habilidades Sociales y Síndrome de Asperger. Ademais das cen actividades salientadas, o programa publicado agora inclúe un CD con todos os materiais da obra e un anexo de recortables para que os rapaces completen as actividades propostas.