DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A profesora Carmen María Abreu é a nova coordinadora destes estudos

O Programa para Maiores abre o prazo de preinscrición para o próximo curso

As persoas de 55 anos en adiante poden solicitar unha praza ata o 15 deste mes de xullo

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Estudantado
  • Académica
M. Del Río DUVI 06/07/2022

Dende hoxe, 6 de xullo, as persoas de 55 anos ou máis que queiran converterse en alumando sénior da Universidade de Vigo poden solicitar unha praza no Programa para Maiores (PUM). O prazo de preinscrición para estes estudos estará aberto ata o vindeiro 15 de xullo tanto para o ciclo intensivo como para o integrado.

Unha das principais novidades do próximo curso é o cambio na dirección do programa, unha responsabilidade que na segunda lexislatura de Manuel Reigosa exercerá a profesora Carmen María Abreu Fernández, do Departamento de Enxeñaría dos Materiais, Mecánica Aplicada e Construción. A docente, que xa leva catro anos impartindo a materia A química e a sociedade de benestar, no cuarto curso do Programa para Maiores, substitúe a José Luis González Cespón á fronte do PUM e adianta que un dos principais obxectivos que se marca a curto prazo é a ampliación das prazas que se ofertan en cada un dos tres campus. A súa proposta é pasar de 30 a 50 tanto en Vigo como en Ourense e Pontevedra e “estamos traballando para intentar que poida ser unha realidade xa no vindeiro curso, pero para iso temos que conseguir tamén máis aulas” para dar acubillo a máis estudantes sénior, explica.

Unha formación completa ao longo de seis anos

O Programa para Maiores, que forma parte da oferta académica da Escola Aberta de Formación Permanente, está aberto a persoas de 55 anos en adiante que, por diferentes razóns, non puideran acceder á universidade no seu momento ou que, sendo xa titulados, queiran actualizar ou ampliar a súa formación. A través do PUM poden incorporarse á vida universitaria mediante programas de formación paralelos ás ensinanzas regradas e, mentres adquiren coñecementos, tamén se fomentan as relacións interxeracionais e se contribúe ao enriquecemento humano e cultural, proporcionando os instrumentos necesarios para garantir a formación ao longo de toda a vida e o seu desenvolvemento persoal e social.

No seu conxunto, esta proposta formativa para maiores baséase en tres principios. Por unha banda, a adecuación dos contidos ao nivel de formación do alumnado, tratando de axustar o rigor e o valor científico dos contidos á súa capacidade de comprensión. Por outra banda, a personalización da aprendizaxe, de modo que as materias teñan en conta as situacións específicas de aprendizaxe das persoas ás que van dirixidos, tanto no referido a tempos e ritmos, como a intereses ou motivación. Finalmente, tamén se atende ao principio de integración académica e sociocultural, de xeito que a formación académica se completa con actividades de carácter sociocultural, integrando ambos os aspectos.

O programa completo comprende seis cursos divididos en dous ciclos: o intensivo, cunha carga docente de 60 créditos ECTS repartidos en catro cursos e o integrado, que consta doutros 36 créditos que se imparten ao longo de dous anos. Para matricularse no ciclo intensivo non é preciso contar con ningún tipo de estudos previos, mentres que para o integrado requírese ter cursado previamente o intensivo ou ben contar cunha titulación universitaria.

Ciclo intensivo

As materias deste ciclo están encamiñadas á divulgación, análise e reflexión sobre aspectos de diferentes temas científico-culturais; a contorna natural, social, cultural e científica; a evolución e achegas da humanidade e a sociedade e a cultura actual e futura. Estes contidos teñen como obxectivo iniciar posibles orientacións temáticas con vistas á continuación de estudos no ciclo integrado e tamén se inclúen actividades complementarias que proporcionan formación práctica sobre aspectos concretos a través de obradoiros e que facilitan as relacións interpersoais, interxeracionais e interculturais.

A docencia neste ciclo impártese en Pontevedra na Escola de Enxeñaría Forestal e na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte; en Ourense na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo e en Vigo na Facultade de Comercio, en Torrecedeira. En cada un dos tres campus ofértanse 30 prazas de novo ingreso neste ciclo e unha vez o alumnado supere a totalidade dos créditos obterá o un título propio de Titulado universitario sénior en cultura e sociedade.

Ciclo integrado

O alumnado que cursa o ciclo integrado goza dunha verdadeira experiencia interxeracional, xa que as materias que que poden elixir forman parte da oferta académica dos graos, polo que os estudantes sénior comparten aulas, horarios e docentes co alumnado das titulacións oficiais da UVigo. Para este colectivo resérvanse unha serie de prazas específicas nas materias adheridas ao Programa para Maiores e a formación desenvólvese en igualdade de circunstancias agás a obrigatoriedade de participar nos procesos de avaliación dos estudos oficiais de grao.

As materias clasifícanse en catro ámbitos de coñecemento en función da titulación de orixe: humanidades, ciencias, enxeñaría ou ciencias sociais e xurídicas. Para a matrícula, o alumnado do ciclo integrado debe elixir entre todas as materias de grao que se lle oferten no campus elixido, e que se desenvolverán ao longo dos dous cuadrimestres en cada un dos campus.

Unha vez superados 36 créditos ECTS dos que se compón o ciclo integrado, outorgaráselle un título propio de Universitario ou universitaria superior sénior.

A formalización da matrícula, en setembro

Unha vez adxudicadas as prazas para ambos ciclos, as persoas seleccionadas deberán formalizar a matrícula no mes de setembro. No que se refire ao ciclo intensivo, o alumando de novo ingreso deberá cumprimentar os trámites entre o 5 e o 9 de setembro, mentres que o de continuación terá que facelo entre o 12 e o 30. No ciclo integrado, o prazo de matrícula será do 1 ao 6 de setembro.