DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus de Ourense acolleu este mércores o acto de apertura do seu novo ano académico

O Programa para Maiores chega este curso aos 130 estudantes

A iniciativa prentende mellorar os seus coñecementos e as relacións interxeracionais

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 26/10/2011
Son arredor de 130 estudantes do campus de Ourense e este mércores celebraron a súa particular apertura de curso académico 2011/2012. Pero algo os diferenza do resto do alumnado. Teñen máis de 55 anos e volven ou entran por primeira vez nas aulas universitarias no marco do Programa para Maiores da Universidade de Vigo. Traen consigo a bagaxe persoal e profesional que dan os anos, as gañas de continuar medrando e formándose e o desexo de coñecer xente e compartir experiencias. Por diante teñen o reto dun novo curso académico e de moito por aprender.

O buque insignia

María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense; Josefina Pato, responsable do Programa para Maiores en Ourense, e o xuíz do social de Ourense e ex decano da Facultade de Dereito Pedro Rabanal foron os encargados de inaugurar esta nova edición do Programa para Maiores. A vicerreitora do campus quixo dar a benvida aos novos alumnos e aos que levan xa anos, ata dez, cursando este programa. “É un orgullo tervos aquí porque sodes o buque insignia desta Universidade, as persoas que demostrades que a motivación e o interese por medrar se mantén ao longo dos anos e é un proxecto que non finaliza nunca”, destacou. María Lameiras desexoulles aos asistentes un bo curso apuntando que “aquí estamos para traballar cóbado con cóbado convosco”.

Pola súa banda, Pedro Rabanal amosou a súa satisfacción por estar convidado a participar nesta inauguración de curso, porque, explicou, el, ao igual que os inscritos no Programa para Maiores, é unha persoa inqueda que ao longo da súa vida foi abrindo etapas moi diferentes, desde mecánico electricista ata xuíz. Rabanal lembrou como en 2002, sendo profesor da Universidade de Vigo, foi docente nas primeiras promoción do Programa para Maiores, destacando que este alumnado destaca por ser “un alumnado excelente, interesante, interesado e agradecido, que dá máis do que recibe”.

Títulos propios

Con esta inauguración púxose un ano máis en marcha este programa de desenvolvemento cientifico-cultural, dirixido a promover a ciencia e a cultura nas persoas maiores, ao mesmo tempo que as relacións interxeracionais. Entre os seus obxectivos están mellorar a calidade de vida das persoas facilitándolle o acceso ao coñecemento e á cultura, fomentar a súa participación e ofrecerlles un espazo axeitado para o intercambio de experiencias interxeracionais.

Dos arredor de 130 alumnos que este curso participan no programa, Josefina Pato salientou que 25 son novos estudantes de primeiro curso. Eles comezan un programa no que poderán realizar un ciclo intensivo, cunha duración de 54 créditos e tres anos académicos co que poderán acadar o título propio da Universidade de Vigo de Graduado Universitario Sénior, ou un ciclo de especialización, cunha duración de 36 créditos e dous anos académicos (360 horas) co que poden obter o título propio de Graduado Superior Sénior. Unha experiencia da que dan exemplo Francisca González e Berta Valdonedo, dúas amas de casa que aproveitan este programa para voltar a aprender.