O Programa de Maiores inicia o curso académico con preto de 40 novos estudantes
O interese por aprender e coñecer a vida académica da Universidade son algúns dos motivos que os lev
Rafael Veleiro Vázquez traballou 29 anos como técnico comercial nunha multinacional. Agora, prexubilado, o interese por aprender e por coñecer a vida e a actividade na Universidade levouno a apuntarse ás Aulas de Formación Aberta da Universidade de Vigo, un programa que a institución académica ofrece ás persoas maiores de 55 anos. Alexandre Outeiriño Míguez, licenciado en Dereito e xornalista, xa xubilado, decidiu matricularse tamén no segundo ciclo das Aulas de Formación “para adquirir unha disciplina de estudo e maiores coñecementos en materias que me interesan moito, como son todas as relacionadas coa rama de Historia”, declara. O caso de Marisol Fernández Álvarez é similar ó de Alexandre. Diplomada en Educación Infantil, decidiu retomar a vida universitaria “para aprender novas cousas e atopar respostas a moitas das preguntas que os fillos nos fan a cotío”, sinala.
Rafael, Alexandre e Marisol son tres dos alumnos cos que contan as Aulas de Formación Aberta do programa de maiores da Universidade de Vigo. O acto de apertura do curso académico 2009-2010 tivo lugar este mércores no salón multiusos do Edificio de Ferro, no campus de Ourense e, no mesmo, participaron Pedro Membiela, vicerreitor de Formación e Innovación Educativa; o profesor Pedro Rabanal e Josefina Pato, directora do Programa de Maiores.
Só lles move o interese e as gañas de formarse e de aprender
Na súa intervención, Pedro Membiela subliñou o alto grao de satisfacción que teñen tanto os profesores como os alumnos do programa. E revelou tamén que as razóns que levan ás persoas maiores de 55 anos a retomar os seus estudos son diferentes das dos máis mozos. “Aos maiores só lles move o interese e as gañas de formarse e de aprender, e isto é un aliciente porque implica un alto grao de esixencia para os profesores”, declarou. Así mesmo, Membiela puxo de manifesto a importancia que adquiren as aulas universitarias como lugar de convivencia para estes alumnos. “A Universidade xoga un papel fundamental na nosa formación, pero tamén nas nosas relacións. E neste colectivo as relacións son tamén moi importantes”, afirmaba.O profesor Pedro Rabanal traballou de mecánico electricista, avogado e docente universitario antes de exercer a súa profesión actual como xuíz do Social en Lugo. Rabanal quixo poñer de manifesto a súa propia experiencia vital para demostrar “que ningunha idade é mala para vir a Universidade”. Da súa experiencia como profesor do Programa para Maiores da Universidade de Vigo subliñou que “atopeime cun alumnado excelente, moito máis interesante, interesado e agradecido que o que estuda de mozo”. Rabanal dixo tamén destes estudantes que son “un alumnado coherente, que goza das clases, que posúe coñecementos e que fan do profesor un alumno máis”, algo que, segundo revelou, é moi motivador para os docentes destas aulas.