DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O programa 'Pontenforma' da Universidade de Vigo e a Ley General de Salud Pública. Por Juan José Crespo

O responsable da Unidade Médica da Área de Deporte e Saúde reflexiona sobre a nova normativa

Etiquetas
  • Vigo
DUVI 04/11/2011
O pasado 5 de outubro publicouse no BOE a Ley General de Salud Pública (LGSP, 2011). Esta lei, moi importante para a medicina preventiva española, trata fundamentalmente, e resumindo, dos dereitos e deberes dos cidadáns e as obrigas das administracións públicas en materia de promoción da saúde, vixilancia da saúde (incluída a laboral), e da xestión sanitaria en saúde pública. Trátase de superar o paradigma de que a saúde só está en relación cos coidados sanitarios fronte a enfermidade, e poñer en marcha un novo paradigma no que “os poderes públicos deben asegurar e mellorar a saúde da poboación como unha contribución ao benestar social, á ganancia de saúde e á sostenibilidade dos servizos sanitarios e sociais” (LGSP, 2011).

En definitiva, obriga aos poderes públicos a poñer en marcha medidas eficientes de prevención das enfermidades crónicas ou non transmisibles, que son as que máis mortalidade e gasto sanitario xeran, sen esperar a que os individuos enfermen ou sufran discapacidade. A saúde pasa a ser entendida “como un xeito de vivir autónomo, solidario e gozoso, e que proporciona xunto coa educación as mellores oportunidades para que a sociedade teña benestar” (LGSP, 2011). Ademais, existe consenso científico para poder asegurar que “un alto nivel de saúde mellora a produtividade en todos os ámbitos analizados, de aí que a inversión en saúde sexa unha das políticas públicas máis custe-eficientes” (LGSP, 2011). Pero esta lei tamén quere evitar a implantación de accións supostamente preventivas cuxo beneficio non estea demostrado cientificamente e que mesmo poidan causar prexuízos, e o abuso de exames preventivos que non teñan demostrada a súa eficacia. Nun dos capítulos da LGSP fálase de “… políticas ambientais, económicas, laborais, alimentarias ou de promoción da actividade física para reducir as enfermidades crónicas e as discapacidades”(LGSP,2011). ¡Actividade física e a saúde nunha Lei!.

A Organización Mundial da Saúde (WHO, 2004, 2010) na súa Estratexia Mundial sobre Réxime Alimentario, Actividade Física e Saúde e nas Recomendacións mundiais sobre actividade física para a saúde xa viña “pegando forte” afirmando: “Sábese xa que a inactividade física é o cuarto factor de risco de mortalidade máis importante no mundo. A inactividade física aumenta en moitos países, e isto inflúe considerablemente na prevalencia das enfermidades non transmisibles (ENT) e na saúde xeral da poboación mundial”. (…) “hai evidencia da necesidade de realizar recomendacións de alcance mundial que aborden os vínculos entre a frecuencia, a duración, a intensidade, o tipo e a cantidade total de actividade física necesaria para unha maior prevención das ENT” (obesidade, hipertensión, diabete tipo 2, enfermidades cardiovasculares, e os cancros de colon e mama).

Con paso lento pero con moita humildade e teima, o programa Pontenforma do Servizo de Deportes nos tres Campus vai nesa liña, e tamén as Rutas Culturais do Servizo de Deportes do Campus de Ourense, ou o Walking Project-IUWP dun grupo de investigación da Área de Educación Física e Deportiva. Trátase de favorecer o incremento da actividade física dentro dun estilo de vida saudable, porque é unha ferramenta fundamental para reducir a carga de obesidade, diabete tipo 2 e hipertensión que sufrimos. Os países máis avanzados van por aquí (é o único camiño). Se alguén cunha visión “economicista” ten dúbidas sobre a súa eficiencia, diferentes investigacións ou revisións, como a do “nada anticapitalista” Banco Mundial (World Bank, 2005 -Report 32576-BR-) ou á da Asociación Americana do Corazón (AHA) -Circulation, 2011-, demostran que son claramente custe-eficientes.