DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Destinado a toda a comunidade universitaria, aínda ten o prazo de inscrición aberto

O programa de tándems lingüísticos arranca ofrecendo 23 idiomas

A través de One2One tamén se poden concertar encontros virtuais con docentes do Centro de Linguas

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Internacional
  • Académica
M. Del Río DUVI 05/04/2024

A Vicerreitoría de Internacionalización xunto co Centro de Linguas acaban de poñer en marcha o Programa de Tándem Lingüístico, unha iniciativa deseñada para fomentar o intercambio cultural e a aprendizaxe de linguas dentro da comunidade universitaria. Este programa ofrece unha oportunidade única para establecer contactos lingüísticos con falantes procedentes dos múltiples programas de mobilidade dunha ampla variedade de idiomas. 

Aínda que o prazo de inscrición permanece aberto, actualmente xa hai 120 persoas apuntadas que ofrecen máis dunha vintena de idiomas: alemán, árabe, chinés, español, francés, galego, hindi, indonesio, inglés, italiano, xabanés, kirunai, malaio, marathi, nepalí, polaco, portugués, punjubi, swahili, tagalo, támil, tunisiano e turco. Como explica a vicerreitora de Internacionalización, Maribel del Pozo, esta iniciativa forma parte do que se denomina “internacionalización na casa”, que consiste en “buscar esa dimensión intercultural que tratamos de conseguir, pero sen ter que viaxar”, neste caso aproveitando a presenza na Universidade de Vigo de persoas de diferentes orixes e diferentes idiomas grazas aos programas de mobilidade.

O tándem lingüístico está aberto tanto a estudantado como a PDI e PAS e o obxectivo é facilitar un espazo onde as e os participantes poidan practicar e mellorar as súas habilidades lingüísticas a través de conversacións informais. Deste xeito, non só se fortalecen as habilidades comunicativas en diferentes idiomas, senón que tamén enriquece a comprensión cultural e promoverá a diversidade na nosa contorna. E é que, como salienta a vicerreitora, “o idioma é o principal, pero non o único, porque unha vez se establece contacto cunha persoa para practicar unha lingua, tamén xorden outras moitas oportunidades de aprender sobre o país, a cultura, os costumes, etc. e mesmo de facer amizades”. Ao mesmo, engade, estes contactos “tamén permiten que esa persoa estranxeira estableza eses vínculos coa comunidade universitaria local”.

A iniciativa arranca oficialmente este ano, aínda que o curso pasado xa se puxera en marcha un proxecto piloto que, a pesar de lanzarse a finais de curso, cando moitos estudantes de intercambio xa se marcharan, “tivo bastante éxito”.

Unha “ferramenta poderosa” de práctica activa nun ambiente informal

O director de Área de Plurilingüismo, Óscar Ferreiro, salienta que os tándems lingüísticos son “unha ferramenta poderosa” para a aprendizaxe e a práctica de linguas estranxeiras debido a varios factores chave. “En primeiro lugar, ofrecen unha oportunidade incrible para a práctica activa do idioma mediante conversas regulares con falantes nativos. Esta interacción facilita o desenvolvemento da fluidez, a comprensión auditiva e a capacidade de expresión oral. Alén de máis, o ambiente informal dos tándems reduce a ansiedade asociada coa aprendizaxe de idiomas, permitindo aos participantes cometer erros sen temor ao xuízo. Esta atmosfera relaxada fomenta unha maior confianza e unha disposición máis positiva cara á aprendizaxe. Ademais, os tándems lingüísticos ofrecen un intercambio cultural enriquecedor, proporcionando unha comprensión máis profunda da cultura asociada co idioma, alén de involucrar na comunidade universitaria ao estudantado estranxeiro vindo de múltiples programas de mobilidade que temos activos na UVigo”. 

Para esta edición o rexistro está aberto e, unha vez as persoas interesades se dean de alta, poderán seleccionar os idiomas que se desexen practicar e ofrecer para así establecer contacto con participantes da comunidade universitaria que compartan eses mesmos intereses lingüísticos. 

One2One, unha opción de formación individual

Outra das propostas que a Vicerreitoría de Internacionalización puxo en marcha no marco do plan a prol do plurilingüismo é o programa One2One, que “está a ter moi boa acollida entre a comunidade universitaria”, como recoñece a vicerreitora. Esta iniciativa vai dirixida tanto ao PDI, como ao PAS e o estudantado e pretende ofrecer un apoio lingüístico puntual para presentacións, defensas de traballos académicos, preparacións de proxectos, etc.  A través de sesións individuais con profesorado do Centro de Linguas, os membros da comunidade universitaria poden mellorar a expresión, mediación e interacción oral en inglés e alemán.

Óscar Ferreiro, director de Área de Plurilingüismo, explica que o One2One consiste nun encontro virtual de entre 40 e 50 minutos cun docente do Centro de Linguas, neste caso, para practicar a lingua. A día de hoxe ofrécese o inglés e o alemán. A modo de exemplo, e para que as persoas lectoras o entendan, os membros da comunidade universitaria poden traballar algún relatorio que presentarán nun evento científico, o alumnado de grao ou mestrado que presenten o TFG ou TFM en lingua estranxeira traballalo ou simplemente ter unha conversa informal. A día de hoxe, hai 113 persoas inscritas para inglés, dos que 80 xa tiveron algunha sesión, así como 16 para alemán, dos 12 tamén xa comezaron. 

A actividade está financiada ao 100% pola Vicerreitoría de Internacionalización e as persoas interesadas poden matricularse de balde en calquera momento ao longo do cuadrimestre. Non se esixe un determinado nivel para acceder a esta actividade, posto que o profesorado do Centro de Linguas adaptará o nivel da conversa ao nivel da persoa que reservou a clase.