DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Do 27 de setembro ao 13 de decembro o campus acollerá un ciclo de películas que afondará nesta temát

Unha programación de cine para analizar os retos da igualdade

Proxectaranse obras como 'Ágora', 'La piel que habito' e 'El amanecer de los muertos'

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 21/09/2012

As proxección audiovisuais cada día máis son escollidas polos docentes como materiais de aula e como escusa para suscitar o debate arredor de temas de interese ou para ilustrar problemáticas. Nesta liña, o campus de Ourense proponse achegarse aos desafíos da igualdade conxugando a visión cinematográfica e a do dereito. A cita será cada xoves, do 27 de setembro ao 13 de decembro, no marco do ciclo Pensar o Cine IV.

“O ciclo pretende fomentar a discusión crítica sobre problemas actuais relacionados coa igualdade de homes e mulleres empregando como motivación a proxección de narracións audiovisuais, un enfoque que está cobrando cada vez máis relevancia no noso medio”, explica o profesor Pablo Raúl Bonorino, director da iniciativa. Deste xeito, apunta, “nas dez sesión que realizaremos invitaremos a participar a algúns dos autores españois que recentemente teñen publicado traballos de investigación nos que se relacionan un, dous ou os tres eixes da nosa iniciativa: o cine, o dereito e a igualdade”.

Amplo panel de temáticas e relatores

A programación comezará o vindeiro 27 de setembro co tema de discusión Muller, dereito e igualdade a xuízo, a película Testigo de cargo e a participación do catedrático Luis Rodríguez Ennes. Será a primeira sesión dunha iniciativa que afondará en temas como a muller nas películas zombies; o matrimonio; a igualdade na historia; a prostitución; a opresión política; a homosexualidade; a transgresión e o papel da muller na ciencia. Para facelo, proxectaranse as películas El amanecer de los muertos; Un dios salvaje; Nuestro culpable; Crash; La vida de los otros; Puta, Ágora; La piel que habito e Pero si soy una animadora.

En cada sesión, explica Bonorino, os relatores poñerán previamente a disposición dos asistentes un documento escrito con claves para o debate que se quere suscitar. As sesión comezarán coa proxección da película e de seguido o relator exporá o tema motivo de controversia. “As edicións pasadas tiveron moi éxito e foron moi produtivas para todos os que participamos, polo cal animamos a todos os membros da comunidade universitaria e de fóra de la que estean interesados a que se inscriban, porque é unha excelente oportunidade para aprender, para debater e para gozar do mellor cine”, apunta Bonorino.

Alén do atractivos das temáticas abordadas e das películas seleccionadas, o director de Pensar o Cine IV destaca o perfil dos relatores que participarán, como son Sonia Rodríguez e Manel Loureiro, da Universidade de Santiago de Compostela; Ramón Rodríguez e R. Ródenas, da Universidade de Alacante; Mª Concepción Gimeno, da Universidade de León, e María Lameiras e Patricia Valcárcel, da Universidade de Vigo.