DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Gabinete do campus inicia os seus cursos formativos cun de motivación de alto impacto

Unha programación do máis psicopedagóxica

Tamén continuará ofrecendo asesoramento personalizado ao alumnado

Etiquetas
  • Ourense
  • Estudantes
Rosa Tedín DUVI 18/09/2013

Unha das preocupacións crecentes do sistema educativo é formar ao alumnado en habilidades e competencias transversais que lle permita un desenvolvemento óptimo en diferentes eidos profesionais e persoais, como son a comunicación, a xestión do estrés ou a capacidade de sintetizar. Co obxectivo de axudar aos estudantes do campus de Ourense a mellorar neste eido, o Gabinete Psicopedagóxico ofrecerá este curso un amplo abano de accións formativas que se completará co asesoramento personalizado. Entre as novidades previstas este ano está a terapia asistida con animais.

“Os cursos que temos programados para 2013/2014 van na liña do curso pasado, centrándonos sobre todo no traballo, desenvolvemento e crecemento persoal do alumando. Tratamos de ofrecerlle actividades diferentes ás que están acostumados, accións máis dinámicas e sorprendentes, nas que aprender de xeito divertido e traballar aspectos persoais, tan importantes para acabar con éxito os seus estudos, como poden ser a autoestima, a motivación, a intelixencia emocional, as habilidades comunicativas, a toma de decisión, o control do estrés e a ansiedade ante os exames”, explica Conchi Cochón, responsable xunto a Isabel Ferreiro do Gabinete Psicopedagóxico do campus.

Para comezar con forza o curso

A programación de actividades comezará os días 3 e 4 de outubro, cun curso sobre motivación de alto impacto. “O ano pasado fixemos a súa primeira edición no campus e foi un éxito enorme, polo que quixemos comezar a programación deste ano repetindo esa experiencia, buscando a máxima motivación do alumnado de cara a que comecen con moitas ganas o curso académico”, apunta Isabel Ferreiro. A formación, impartida polo coach Pepe Cabello, permitirá aos asistentes vivir experiencias impactantes como camiñar sobre brasas ou dobrar unha lanza contra a parede empregando tan só a gorxa.

Despois deste inicio e ao longo dos meses, comentan as psicopedagogas, que contan coas certificacións de calidade formativa ISO 9001 e ISO 4001, sucederanse accións formativas sobre lectura rápida e mapas mentais, que permitirán aos estudantes mellorar a súa velocidade lectora, comprensión e memorización; de técnicas de relaxación e control do estrés e da ansiedade, especialmente pensado de cara á realización dos exames; de habilidades comunicativas e de coaching, especialmente enfocado ao eido educativo.

Terapia con animais e atención individual

Como novidade, destaca Conchi Cochón, “este ano queremos introducir un curso de terapia asistida con animais, xa que os animais proporcionan beneficios motivacionais, sociais, educativos e/ou recreativos que aumentan a calidade de vida de quen participa nestas terapias”. Para todos estes cursos, que terán de media unhas 20 prazas, o Gabinete contará con diferentes expertos que achegarán ao alumnado perspectivas moi diversas e interesantes, como pode ser o caso do educador Iago Santalla, que volverá este curso ao campus para falar de como rachar os límites.

Alén destas actividades formativas, o Gabinete Psicopedagóxico continuará brindando apoio profesional e individualizado ao alumnado que o solicite para a solución de problemas persoais, sociais e académicos, fortalecendo a súa autonomía, a súa autoestima, a súa capacidade de comunicación, a súa autoaprendizaxe e os valores fundamentais que lle poden proporcionar equilibrio persoal e mellorar a súa calidade de vida. No curso 2012/2013, este servizo atendeu 365 consultas de estudantes que se dirixiron en persoa, por teléfono, por correo electrónico ou polas redes sociais a esta oficina buscando esta orientación e asesoramento personalizado.