DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Roberto Bustillo fala no campus sobre o medio ambiente como instrumento para protexer a historia e a

A protección ambiental tamén afecta ao patrimonio cultural

O docente da Facultade de Dereito advirte da importancia de harmonizar a normativa

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 09/05/2012

Dunha banda está a normativa que afecta e protexe ao medio ambiente. Doutra banda está a normativa relacionada co patrimonio histórico e artístico. E entre eles aparece un punto de interconexión que é a normativa que se aplica á paisaxe e aos monumentos, afectados tanto unha como por outra. Para afondar no medio ambiente como un instrumento para protexer a historia e a cultura (e viceversa) este mércores o docente da Facultade de Dereito Roberto Bustillo foi convidado a dar unha conferencia no campus de Ourense.

“Natureza e cultura forman parte do medio ambiente, non só a primeira”, explicou o docente antes da súa intervención no Ciclo de Conferencias que organiza a Facultade de Ciencias, a asociación ECOUS e o Grupo Bioscope. Deste xeito, salientou, por exemplo unha catedral está protexida pola normativa cultural pero tamén pola ambiental. Unha dobre capa que, aclarou, non afecta a toda a cultura senón aos monumentos e á paisaxe, entendo esta última non só a paisaxe natural senón en xeral.

Máis comunicación entre departamentos e formación

Segundo destacou o docente, a división administrativa provoca que a interrelación entre as dúas normativas non sexa sempre tida en conta axeitadamente, centrándose os técnicos de patrimonio na aplicación da lexislación cultural e os de medio ambiente na do seu eido. “O axeitado sería que as persoas especializadas na área de cultura da administración tivesen coñecementos de medio ambiente e viceversa e que entre as dúas existise unha comunicación fluída”, comenta Roberto Bustillo. A existencia de equipos multidiscilplinares sería na súa opinión o ideal.

Como exemplo dos beneficios desta interrelación normativa, o profesor da Facultade de Dereito, explica o caso duns montes veciñais en Lugo onde se quería instalar unha mina que foi parada pola xustiza porque a zona tiña certo valor natural e había un xacemento arqueolóxico. “Só polo valor natural non se pararía a mina e só polo valor cultural probablemente tampouco, pero polos dous xuntos si se acadou”, apunta.

Por último, o docente, que recentemente dirixiu no campus de Ourense o Curso sobre Dereito a un Medio Ambiente Axeitado, salienta a importancia de incrementar a sensibilización social neste eido. “Cando falamos de temas ambientais estamos concienciados en abstracto pero non tanto en concreto e menos se nos afecta directamente”, advirte. Por este motivo, e aínda recoñecendo os grandes avances que se teñen dado neste eido, Roberto Bustillo apunta a necesidade de facer máis partícipes a cidadáns e institucións da protección ambiental da natureza e tamén da cultura.