DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Observatorio Económico presentou este martes o informe de ocupación laboral

A provincia de Ourense concentra o 55% dos traballadores ocupados en Galicia nas industrias extractivas

Sete sectores sosteñen máis da metade do mercado de traballo

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
DUVI 20/06/2017

Este martes Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense, e Andrés Mazaira, profesor da Universidade de Vigo, presentaron no Centro Cultural Marcos Valcárcel o informe do Observatorio Económico Ourensán, que desenvolve a entidade provincial, referido nesta ocasión á ocupación laboral. Nel destácase que a provincia de Ourense concentra o 55% dos traballadores ocupados en Galicia nas industrias extractivas. Deste xeito, indican desde a institución, “as industrias extractivas, e en particular a extracción da lousa e as actividades empresariais de apoio a este sector, son as responsables do indicador laboral máis favorable da provincia”.

Segundo informa en nota de prensa a Deputación Provincial, o presidente da entidade afirmou na presentación que neste momento “no que se está a avanzar na rexeneración laboral, o Observatorio é unha ferramenta de análise que achega información socio-económica da provincia de Ourense e contribúe á adopción de políticas públicas”. Baltar agradeceu o labor que está a realizar Andrés Mazaira como coordinador do Observatorio e destacou na análise económica que sete sectores sosteñen máis da metade (53,2%) do mercado de traballo ourensán, como son comercio, administración pública, ensino, sector primario sanitario, construción e hostalería.

A contribución de Ourense en trece sectores ou subsectores sobre o conxunto do sistema produtivo galego, desde a variable do emprego, e as positivas taxas de recuperación laboral que están a vivir a maioría dos sectores tradicionais que definen a especialización da economía ourensá, constitúen, segundo a entidade provincial, as principais conclusións da nova análise realizada polo Observatorio Económico Ourensán.

As profesións máis demandadas

A nova infografía do Observatorio Económico presentada este martes reflicte que as ramas de actividade que medraron máis en ocupación no último ano -entre o primeiro trimestre de 2016 e o mesmo período de 2017- foron, en proporción, os traballos ligados ao sector inmobiliario, ás ramas administrativas e aos servizos auxiliares, cun auxe do 128,6%; a venda e reparación de vehículos, cun crecemento do 117,6%; e as actividades financeiras e dos seguros, que medraron un 112,5%. Tamén estivo a piques de duplicar a cifra de ocupados o grupo das industrias extractivas (incremento do 94,4%). Por debaixo destas profesións, tamén lideran e creación de emprego na provincia o sector primario, que contabiliza un 23,6% de ocupados máis que hai un ano; o comercio minorista (21,8%); a hostalería (19,6%); e o persoal dos fogares (15,8%).

O estudo identifica os oito grupos de profesións que contabilizan máis de 5000 empregos na provincia, e sobre os que pivota o mercado laboral ourensán. Son o comercio minorista (12.300 postos de traballo); a administración pública, defensa e seguridade social (10.400); o ensino (8700); a agricultura, gandería, caza e silvicultura (6800); as actividades sanitarias (6500); a construción (6200); a hostalería (6100); e o resto da industria manufactureira (5200). Entre os oito fan latexar o 58% do emprego ourensán, segundo informa a Deputación Provincial.