DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Universidade de Vigo e o Concello de Parada de Sil asinan un convenio marco de colaboración

O proxecto de Barxacova intentará botar luz sobre a necrópole medieval

Queren establecer con precisión a extensión, orixes e etapas cronolóxicas do enclave

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 20/07/2011
No ano 2010 na localidade ourensá de San Vítor de Barxacova realizouse unha intervención arqueolóxica para comezar a investigar a presenza de tumbas antropomórficas escavadas na rocha. Tralas primeiras aproximacións, a sospeita de que se trata dunha das necrópoles máis amplas do noroeste peninsular do período alto e pleno medieval foi collendo peso. Para continuar afondando neste enclave e difundir a súa existencia, a Universidade de Vigo e o Concello de Parada de Sil veñen de asinar un convenio marco de colaboración entre as dúas entidades que se materializa na posta en marcha dun proxecto de intervención que se prolongará ata o 12 de agosto.

A presentación do proxecto e sinatura do convenio tivo lugar este mércores no campus de Ourense coa presenza de María Lameiras, vicerreitora do Campus de Ourense; Francisco Magide, alcalde do Concello de Parada de Sil; Beatriz Comendador, responsable do proxecto e profesora da Universidade de Vigo; e Beatriz Vaquero e Mercedes Durany, tamén profesoras e membros do equipo. Durante a súa intervención, María Lameiras salientou a importancia deste proxecto e desexoulle todo o éxito no seu cometido, un desexo compartido por Magide, que destacou que “agardamos que esta segunda fase da intervención consolide as nosas expectativas” pois “a pesar da crise, a posta en valor do noso patrimonio é unha aposta polo futuro do noso concello”.

O Concello de Parada de Sil apoia o proxecto con 12.000 euros e a Universidade de Vigo faino con 4150 euros a través da convocatoria de Grupos de Investigación da Vicerreitoría de Investigación e Transferencia, financiada pola Deputación de Ourense. Ademais, o concello ourensán está pendente da activación dun proxecto Leader que permitiría a execución a maiores de 58.000 euros para accións fundamentalmente de divulgación e difusión do proxecto, como un alzado en 3D do xacemento e o uso de fotogrametría, entre outras accións.

Visitas guiadas

Como responsable da iniciativa, Beatriz Comendador foi a encargada de explicar en que consiste o proxecto, que ten como director da intervención a Eduardo-Breogán Nieto. A campaña desenvolverase entre o 18 de xullo e o 12 de agosto e con ela preténdese establecer con precisión as orixes e distintas etapas cronolóxicas do enclave, a súa extensión e a existencia de lugares de habitación noutros sitios arqueolóxicos vinculados. A ampliación da área escavada en 2010 e a realización de catas puntuais no enclave arqueolóxico e na súa contorna permitirán coñecer, segundo os responsables do proxecto, novos datos sobre a extensión da necrópole e a posible ocupación no lugar.

Tamén está prevista a prospección intensiva da contorna para documentar a paisaxe histórica do sitio e dos lugares atopados recentemente de San Miguel e San Salvador e a revisión de achados da Idade do Bronce. Por último, o proxecto continuará co baleirado de documentación medieval conservada nos mosteiros da zona, que será realizado polo arqueólogo e medievalista Víctor Rodríguez Muñiz.

Ademais dos membros do equipo xa citados, participan no proxecto o profesor Francisco Javier Pérez e os voluntarios e estudantes de Historia Sonia Faria, Pablo Cid, Alejandro González, Miguel Ángel Gómez, Alberto Outeiriño e Marisa Peña. Estes últimos serán os encargados de cada día guiar as visitas que ás 11.30 h se realizarán ás escavacións co obxectivo de que o público poida coñecer in situ o traballo que realizan os arqueólogos neste enclave. A reserva pode realizarse no teléfono 671 159 349. Esta vertente divulgativa está complementada coa creación e actualización dun blog do proxecto, no que alén de toda a información necesaria para coñecer a iniciativa ser irán publicando periodicamente os achados e novidades que realicen os investigadores.