DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Dirixido a que equipos multidisciplinares desenvolvesen ideas empresariais

Un proxecto de cultivo e comercialización de algas obtén o primeiro premio no programa ‘In-Teams’

Promovido pola UVigo e AJE-Pontevedra no marco da Rede Eusumo

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Emprender
  • Premios
  • Universidade e empresa
  • Institucional
DUVI Pontevedra 19/10/2023

Algas del Norte, un proxecto empresarial centrado no cultivo en tanques tanto de algas como de moluscos, converteuse no gañador da segunda edición de In-Teams, un programa de emprendemento promovido pola Vicerreitoría do campus e a Asociación de Jóvenes Empresarios de Pontevedra (AJE-Pontevedra), no marco da Rede Eusumo da Xunta de Galicia. Articulado en formato de concurso, este programa buscaba que equipos multidisciplinares traballasen no desenvolvemento de diferentes proxectos empresariais que poidan constituírse en entidades de economía social.

Despois participar, nos últimos dous meses, en diferentes sesións formativas e contar coa titorización de persoas expertas, os equipos participantes nesta iniciativa defenderon na tarde deste mércores os seus plans de empresa diante do comité avaliador. Este decidiu outorgar un primeiro premio, dotado con 750 euros, á proposta de Diana Fernández, Jorge Fernández e Alejandra Canoura. Vinculada ao sector da acuicultura, Algas del Norte, explican, céntrase no “cultivo multitrófico de moluscos” e de algas, como a leituga de mar, o kombu de azucre ou a nori, no interior de tanques para a súa posterior deshidratación e venda no sector alimentario, principalmente, pero tamén no cosmético ou agrícola.

Tras a defensa dos plans de empresa, a Casa das Campás acolleu o acto de entrega de premios, no que participaron a vicerreitora do campus, Eva María Lantarón; a presidenta de AJE-Pontevedra, María Buceta, e o coordinador da Rede Eusumo na UVigo, José María Cancela. “Nós imos seguir traballando para que estes proxectos de emprendemento sigan crecendo para converterse nunha realidade de negocio”, salientou Lantarón, que avogou pola dar continuidade a unha iniciativa enmarcada no programa de actuacións dunha rede impulsada pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, co obxectivo de fomentar o cooperativismo e a economía social e que conta co financiamento do Ministerio de Trabajo y Economía Social. Nesa mesma liña, Buceta lembrou aos participantes que, “cando hai ilusión en ganas”, o emprendemento “pode converterse nun camiño e unha vida para vós”.

O segundo premio, para un proxecto de mobiliario sostible

Aberto tanto á participación da comunidade universitaria como de emprendedores e emprendedoras, In-Teams tiña entre os seus obxectivos favorecer a creación de proxectos empresariais que tivesen como punto de partida tanto investigacións realizadas no campus como as propias ideas de negocio das persoas seleccionadas. Ese foi o caso das diferentes propostas coas que se traballou nesta edición, como De Mytilo, recoñecida cun segundo premio de 500 euros e impulsada pola estudante do PCEO en Administración e Dirección de Empresas da UVigo Ángela Martín, xunto con Sandra Villar. Dirixido, explican, a “ofrecer unha alternativa sostible nos materiais e pezas de decoración de fogares e negocios”, a súa proposta baséase na fabricación de “pezas únicas de mobiliario”, como mesados, pratos de ducha ou lavabos, con terrazo mariño, mediante o uso de cunchas de bivalvos e outros materiais naturais.

Tamén foi recoñecido, cun terceiro premio, SeaFarmUp, o proxecto de creación dunha “ferramenta dixital de apoio aos profesionais do mar”, co obxectivo de que lles permita “unha xestión simple e eficiente dos seus parques de cultivo flotantes”, ideada por Emilio Martínez e José Alberto Fernández. Así mesmo, na segunda edición deste programa tamén se desenvolveu un proxecto empresarial centrado en obter produtos como tés ou aceites a partir dunha plantación de camelias.