DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Membros da comunidade universitaria puideron coñecer as súas liñas de traballo

O proxecto Geoatlantic preséntase no campus co obxectivo de fomentar a enerxía xeotérmica

A iniciativa está liderada polo Concello de Ourense

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
DUVI 29/11/2017

O campus de Ourense acolleu este mércores a xornada de presentación de Geoatlantic, un proxecto de cooperación territorial do Espazo Atlántico liderado polo Concello de Ourense que busca promover o uso da enerxía xeotérmica nas comunidades por medio do desenvolvemento conxunto de ferramentas e metodoloxías que permitan a posta en marcha de ecosistemas locais. Membros da comunidade universitaria puideron coñecer tanto as oportunidades que abre esta iniciativa como afondar en temas relacionados co cambio do modelo enerxético actual.

Segundo destacou Jesús Vázquez, alcalde de Ourense, na inauguración da cita, o proxecto conta con case tres millóns de euros de orzamento, o 75% con financiamento de Fondos Feder, e un consorcio de doce entidades, entre as que está EnergyLab, de España, Portugal, Reino Unido, Francia e Irlanda, desenvolvéndose durante 36 meses. Con esta iniciativa, recalcou, quérese converter a Ourense “nun referente a nivel internacional en canto a cidade sostible enerxeticamente falando e baseándose nos seus propios recursos como é a xeotermia”.

Para lograr este obxectivo e para acadar a transición de modelo enerxético, Rosendo Fernández, como presidente do Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico Inorde, salientou pola súa banda a importancia da “cooperación institucional” con iniciativas coma este proxecto, aspecto que tamén foi destacado por Carmen Tagores, do Inega. Neste contexto, Juan Carlos Novoa, vicedecano da Facultade de Ciencias do campus de Ourense, subliñou a traxectoria de persoal docente e investigador deste centro no eido da xeotermia e o termalismo.

Proxecto e contexto

A xornada tivo como obxectivo dar a coñecer o proxecto, así como as diferentes actuacións demostrativas que se porán en marcha no seu marco. Susana Bayo, investigadora do Grupo Ephyslab da Universidade de Vigo, foi a encargada de abrir a programación falando do cambio climático e das consecuencias de todo tipo que ten para o planeta e o ser humano, desde o eido enerxético ao alimentario. Durante a súa intervención tamén falou da The Climate Reality Project, organización fundada e presidida por Al Gore para ofrecer información sobre o cambio climático e da que Susana Bayo é membro desde fai dez anos.

A programación, ademais da presentación do proxecto protagonista desta xornada, contou con conferencias e mesas redondas sobre temas como os recursos xeotérmicos locais no novo modelo xeográfico; a transición enerxética e a descarbonización e a cooperación e o enfoque multidimensional na utilización das renovables nas cidades do Espazo Atlántico, contando con expertos procedentes das diferentes entidades que conflúen nesta iniciativa.