DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Vicerreitoría do campus de Ourense traballa no acondicionamento de dez parcelas

O proxecto das hortas no campus universitario dá os primeiros pasos

Alumnado da Aula para Maiores será o encargado do seu cultivo

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 06/03/2012

As hortas comunitarias, compartidas e/ou educativas son unha iniciativa que nos últimos anos está collendo pulo coa súa posta en marcha en diferentes concellos de cidades coma a de Ourense. Conscientes dos beneficios sociais deste tipo de propostas, a Vicerreitoría do campus está habilitando unha parcela de terreo no campus ourensán que se destinará a hortas cultivadas polo alumnado da Aula para Maiores, onde naceu esta iniciativa de mans da súa coordinadora, Josefina Pato. Serán 200 metros cadrados nos que dentro duns meses a herba dará paso a tomates, leitugas e outros moitos produtos da horta.

As parcelas están situadas detrás do Edificio Xuridico-Empresarial, ao lado doutras hortas de particulares que lindan cos terreos universitarios. Segundo salienta José Manuel Teijeiro, responsable de xardinería e zonas verdes do campus, “o lugar foi escollido para o desenvolvemento deste proxecto pola súa situación resgardada do paso da comunidade universitaria e polas súas condicións favorables de auga, luz e terra para uso hortícola”. En total o terreo dividiuse en dez parcelas/hortas individuais de vinte metros cadrados e con acceso a rego cada unha delas.

Con moita ilusión

O traballo da Oficina de Medio Ambiente consistiu no primeiro acondicionamento dos terreos. Cando rematen, o alumnado da Aula para Maiores poderá porse a traballar cada unha das hortas. “Estamos moi ilusionados co proxecto e desexando comezar xa. Pensamos que vai ser unha moi boa iniciativa que, xunto ás actividades académicas, axudará a incentivar e mellorar a convivencia e os lazos interxeneracionais entre os alumnos, ademais de distraelos”, explica Josefina Pato.

No desenvolvemento desta idea, a coordinadora do proxecto salienta de xeito especial o traballo realizado desde a Vicerreitoría do campus de Ourense, a Vicerreitoría de Extensión Universitaria e a Oficina de Medio Ambiente da Universidade. “Agora agardamos con impaciencia pornos mans á obra. Algúns dos alumnos de feito xa están facendo os seus sementeiros na casa para ter listas as plantas cando chegue o momento de ocupar as parcelas”, apunta Josefina Pato.

Mentres se ultiman todos os detalles necesarios para empezar a traballar no terreo e de cara o futuro, a promotora da iniciativa agarda que outros alumnos universitarios que non pertenzan á Aula para Maiores se anime a participar na iniciativa e deste xeito estreitar os vínculos entre universitarios dunha e doutra idade. “O realmente importante deste proxecto non é o que se vai cultivar, é a convivencia”, destaca.