DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Trátase dun espazo de encontro interxeracional centrado na gastronomía e as tradicións

O proxecto ‘Lar de Sopas’ proclámase vencedor na UVigo do programa de emprendemento sénior ‘TaleS’

Participará na final estatal desta iniciativa, impulsada por Fundación Mapfre e CISE

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Emprender
  • Universidade e empresa
  • Transferencia
DUVI Pontevedra 16/11/2023

Como “un espazo de encontro interxeracional para recuperar as tradicións” preséntase Lar de Sopas, o proxecto gañador do programa de apoio ao emprendemento sénior TaleS na UVigo. Da man da Cátedra Afaga-Atendo de Idadismo, a Universidade sumouse neste 2023 á segunda edición esta iniciativa impulsada pola Fundación Mapfre e o Centro Internacional Santander Emprendimiento (CISE), dirixida a que persoas maiores de 50 anos poidan formarse no ámbito do emprendemento e levar as súas ideas ao mercado. Tras participar en diferentes actividades formativas, dous equipos de participantes nesta iniciativa na UVigo presentaron os seus proxectos nunha DemoDay na Facultade de Comunicación, na que o xurado elixiu como gañadora a proposta desenvolvida por Maica Vázquez, Loli Docampo e Maribel González.

Lar de Sopas, explican, ten como obxectivo “recuperar as tradicións” e “facer visible a herdanza das avoas”, a través da creación “dun espazo colaborativo no que persoas de idades diversas poidan conectar e descubrir costumes, coa cociña ou as emocións como fío condutor”. Así mesmo, nesta xornada tamén se presentou Ecolíderes, un proxecto educativo centrado en problemas sociais e ambientais, desenvolvido por outros tres dos participantes neste programa na UVigo, Alberto Rellán, Elías Quiroga e María Dolores Alonso. O xurado desta DemoDay estivo integrado pola profesora do Departamento de Organización de Empresas e Márketing da UVigo Ana Dopico, o presidente da Asociación para o Emprendemento e a Innovación Pont-Up Store, Pedro Figueroa, e a técnica de programas de emprendemento de CISE Sara Gómez. 

Final en Granada

En xaneiro, as promotoras de Lar de Sopas viaxarán a Granada para participar na final interuniversitaria desta segunda edicion de TaleS, na que se medirán os proxectos seleccionados nas outras catro universidades participantes, Estremadura, Las Palmas de Gran Canaria, Cantabria e Granada. Deles, elixirase o gañador nacional da segunda edición desta iniciativa, resultado da colaboración entre CISE e o Centro de Investigación Ageingnomics, da Fundación Mapfre, que permitiu constituír “unha rede interuniversitaria pioneira no país, na que xa están conectados un centenar de sénior maiores de 50 anos”, como sinalan desde a organización. TaleS, engaden, é un programa gratuíto “que busca apoiar ás persoas con experiencia que buscan unha segunda profesional”, na que as e os participantes recibiron formación en metodoloxía Lean Startup, á vez que asistiron a sesións de conexión e apoio con novos emprendedores.