DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Cunha xornada de divulgación celebrada en Ciencias Empresariais e Turismo

O proxecto sobre recursos culturais en área de montaña CRinMA amosa as súas ventás de oportunidade no campus

Membros da comunidade universitaria puideron coñecer as súas características

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
Rosa Tedín DUVI 23/11/2017

Mellorar as políticas rexionais relacionadas coa protección e promoción do patrimonio cultural nas zonas de montaña. Con este obxectivo estase a desenvolver o programa europeo Interreg CRinMA: Recursos Culturais en Área de Montaña. Dous dos seus socios, o Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico Inorde e a Cámara Municipal de Montalegre, de Portugal, celebraron este xoves na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense unha xornada de difusión desta iniciativa á que asistiron membros da comunidade universitaria co obxectivo de coñecer as potenciais oportunidades de participación que ofrece.

Durante a benvida, Virxilio Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense, quixo destacar como este tipo de proxectos “constitúen unha maneira de construír Europa” “buscando eliminar fronteiras e fomentando a interrelación entre espazos”. Neste marco de traballo, subliñou o seu desexo de que os recursos humanos da Universidade fagan achegas ao desenvolvemento deste proxecto e por extensión ao das zonas de montaña implicadas nel. Pola súa banda, o vicepresidente da Cámara Municipal de Montalegre, David Teixeira, salientou como “a fronteira é unha fronteira que nos liga e non que nos separa” e subliñou como CRinMA amosa que “os territorios de montaña podemos ser creativos e innovadores”.

Intercambio de experiencias e aprendizaxe

Segundo explicou na presentación do evento Rosendo Fernández, vicepresidente da Deputación Provincial de Ourense e presidente do Inorde, o proxecto propón tres obxectivos, como son o fortalecemento nas rexións montañosas da fronteira da identidade local baseada no patrimonio cultural, a mellora na protección e uso sustentable do patrimonio cultural nestas zonas e a mellor promoción e transformación creativa do seu patrimonio cultural. Trátase, recalcou, “dunha oportunidade para o intercambio de experiencias e aprendizaxe interrexional” que pode contribuír “a un desenvolvemento máis sustentable destas zonas”.

O proxecto, destacouse na xornada, considera o potencial do patrimonio cultural (tanxible e intanxible) como un activo que se pode utilizar para o desenvolvemento local e rexional. Neste contexto, ademais de mellorar as políticas rexionais relacionadas coa protección e promoción do patrimonio cultural nas zonas de montaña, CRinMA aspira tamén a contribuír “á mellora dos programas transfronteirizas e dos programas operativos rexionais existentes” e fomentar “un pensamento máis complexo sobre o papel do patrimonio cultural nas áreas de montaña, que se traducirá en mellores políticas e programas no futuro”. Ademais da participación do Inorde e da Cámara Municipal de Montalegre, o proxecto conta como socios coas rexións polacas de Malopolska, líder do proxecto, e Podkarpackie; coa Axencia de Desenvolvemento Rexional de Presov, en Eslovaquia, coa Asociación Europea de Representantes das Rexións de Montaña, de Francia, e coa Unión de Municipios de Montaña Piedmont, de Italia. Cun orzamento de 1,2 millóns de euros, a iniciativa desenvólvese desde xaneiro de 2017 ata xuño de 2021.