DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ángeles Prieto, responsable da salvagarda do patrimonio inmaterial en Vichy visitou Vigo

O proxecto Ronsel esperta interese en Francia

Con especial interese na iniciativa de agroturismo en Terras de Lemos

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
M. Del Río DUVI 28/02/2011
A visibilidade do patrimonio cultural inmaterial é unha reivindicación que se estende máis aló das nosas fronteiras e son moitos os países que traballan na recuperación e posta en valor das súas manifestación e tradicións. Dende Galicia, o Proxecto Ronsel ten acadando un amplo recoñecemento non só no país, senón tamén alén das nosas fronteiras, revelándose como un exemplo a seguir para moitos colectivos. Este interese trouxo ata Galicia a Ángeles Prieto, coordinadora de patrimonio cultural inmaterial no Pays Vichy-Auvergne, en Francia, para poder coñecer de preto Ronsel e, especialmente o proxecto de agroturismo de Terra de Lemos.

No marco do programa GRUNDTVIG da Unión Europea, a representante francesa puxo a súa vista no Proxecto Ronsel, que coñeceu grazas a un proceso de investigación que realiza sobre a zanfona en Europa. Segundo explica, as publicacións de Ronsel “conteñen documentos chave para entender o que representa o patrimonio cultural inmaterial de calquera territorio do mundo” e por iso decidiu coñecer de preto o traballo realizado e as persoas que están detrás del.

Dúas visións paralelas

Prieto traballa en Francia na posta en valor do patrimonio sobre dous territorios e dous elementos representativos. Por unha banda céntrase na comunidade de Gannat e nas súas manifestacións e tradicións asociadas á zanfona e, por outra, no territorio de montaña da Borboña, onde se fai especial fincapé nas festas tradicionais e a súa relación co ciclo agrícola, relixioso ou o calendario solar .

Neste territorio da Auvergne veñen de crear unha plataforma de asociacións e colectivos que traballan na posta en valor do patrimonio inmaterial, polo que teñen un especial interese en coñecer outro tipo de iniciativas deste eido noutros territorio para poder intercambiar ideas e coñecementos. Prieto explica que “tiña moito interese en coñecer de primeira man as iniciativas, moi particularmente a de agroturismo en Terras de Lemos” xa que “constitúe unha proposta innovadora e experimental que ten suscitado moito interese nas institucións locais francesas”. Pola súa banda, o seu coordinador, o profesor Xavier Simón, engade tras coñecer o proxecto francés que “estamos a traballar na mesma liña, aproveitando os recursos locais, xa existentes, dispoñíbeis a custo case cero, para deseñar opcións económicas que subministren renda e postos de traballo aos habitantes do rural”. Sobre este paralelismo, Simón explica que “o rural francés e o galego padecen a mesma enfermidade: o abandono dos pobos” e colaboracións como esta “condúcennos a establecer diagnoses similares, pero as solucións han ser específicas para cada territorio e seren construídas de arriba a abaixo sendo os axentes locais a parte central do proceso”.

As impresións que Ángeles Prieto de Galicia son moi positivas e salienta a vontade que existe para que este tipo de estudos sigan adiante, “espero que a visita sexa un comezo dunha relación entre os dous territorios de experiencias e xeitos de poñer en valor o patrimonio cultural inmaterial”.

Falta de apoios

A pesar do enriquecedor destes intercambios e da satisfacción por ser obxecto de interese dende o estranxeiro, os responsables do Proxecto Ronsel láianse da falta de apoios institucionais. O seu coordinador, o profesor Iván Area explica que grazas a estas experiencias de intercambio “podemos ver que estamos nun punto moi parecido no relativo a reivindicar maior visibilidade do patrimonio cultural inmaterial” e lamentouse de que “agora que estamos en condicións de ter unha marca de calidade para o noso patrimonio inmaterial non contemos co apoio necesario, xa que a dobre triloxía “turismo-economía-cultura” e “comunidade-identidade-creatividade” pode ser unha fonte xeradora de recursos endóxenos”.

Pola súa banda, Simón destaca o positivo de que dende Francia se valore o traballo desenvolto e engade que “aínda hoxe seguimos agardando que os responsábeis autonómicos do turismo rural, ou que a máxima representación da Xunta na provincia de Lugo, apoien esta iniciativa”. Con todo, o proxecto de Terra de Lemos espertou xa o interese da Deputación de Lugo e os concellos de Monforte de Lemos, Taboada, Chantada, Pobra do Brollón e Ferreira de Pantón ademais do Bispado de Lugo.