DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun seminario que se celebrará o vindeiro venres 21 de xuño na Fundación Cetmar

O proxecto Team-Miño presenta as súas conclusións sobre a implementación da Directiva Marco da Auga

Este programa de cooperación transfronteiriza está coordinado pola Universidade de Vigo

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
M. Del Río DUVI 17/06/2013
Tras algo máis de dous anos de intenso traballo, o proxecto Team-Miño toca ao seu fin e presentará as súas principais conclusións este venres nun seminario que se celebrará na sede da Fundación Cetmar. Neste programa de cooperación transfronteiriza entre España e Portugal participan socios de ambas beiras do Miño coordinados pola Universidade de Vigo co obxectivo de establecer criterios científicos homoxéneos válidos para ambos países, que permitan a tipificación, referenciado e clasificación do estado ecolóxico das masas de auga de transición do sur de Galicia e o norte de Portugal.

Cun orzamento dun millón de euros, Team-Miño arrancou en xaneiro de 2011 e o seminario final de proxecto centrarase na importancia das ferramentas biolóxicas na implementación da Directiva Marco da Auga, así como a transferencia dos principais resultados do proxecto ás administracións encargadas da xestión das zonas de estudo.

Dúas ribeiras, un único estuario

O río Miño separa, pero en moitos aspectos une, ambas ribeiras de España e Portugal. A aplicación da Directiva Marco da Auga é un deses aspectos que precisa da colaboración entre ambos países, xa que a súa aplicación é un reto complexo para todos os países membros da Unión Europea. A DMA foi aprobada en 2000 e ten como obxectivo establecer un marco para a protección das augas continentais, de transición, costeiras e subterráneas, requirindo novas medidas específicas de control de contaminación e de calidade ambiental. Dada a implicación de moitos países nesta iniciativa, faise máis que precisa a colaboración transfronteiriza para unha aplicación homoxénea, harmónica e coordinada. Unha das alianzas postas en marcha foi Team-Miño, neste caso entre Galicia e o norte de Portugal, e enfocado á transferencia de ferramentas para a avaliación, ordenación, xestión e educación ambiental en estuarios. Neste proxecto centraron os seus esforzos durante estes máis de dous anos socios científicos e tamén das administracións hidráulicas de ambas ribeiras do río, entre elas a Universidade de Vigo, que coordina, o Instituto Español de Oceanografía, o Cetmar, a Universidade de Aveiro, CIIMAR, IPIMAR, Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Administração Regional Hidrográfica do Norte de Portugal, Augas de Galicia, Mancomunidade de Municipios do Baixo Miño e Centros de Monitorização e Interpretação Ambiental de Vila do Conde e de Viana do Castelo. As zonas de estudo de Team-Miño comprenden a enseada de San Simón, o estuario do río Miño e o do río Limia.

O seu obxectivo principal é o establecemento de criterios científicos homoxéneos, válidos para ambos países, que permitan a tipificación, referenciado e clasificación do estado ecolóxico das masas de auga de transición do sur de Galicia e norte de Portugal. Igualmente, os resultados que se presentan neste seminario transferiranse ás institucións públicas competentes, a axentes sociais locais e á sociedade en xeral, coa finalidade de colaborar na implantación da Directiva Marco da Auga establecendo un marco para a protección efectiva das augas de transición.

Programa do seminario

Ademais de presentar aos asistentes o proxecto, ao longo desta xornadas intervirán investigadores tanto da Universidade de Vigo como da de Bordeos ou a de Oslo para afondar na historia dos biomarcadores e especies sentinela, así como a súa aplicación práctica ou o uso de ensaios embriolarvarios para unha mellor avaliación da calidade das augas europeas. Outros dos temas que se abordarán será o monitoreo integrado por variables químicas e biolóxicas en áreas costeiras e un debate sobre as principais conclusións do proxecto Team-Miño para a implementación da Directiva Marco da Auga. A xornada pecharase cunha mesa redonda.