DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A andaina celebrarase o sábado 17 de febreiro

O próximo destino das rutas culturais será a serra de San Mamede

A inscrición está aberta a membros da comunidade universitaria e persoas alleas a ela

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Deportes
  • Deportes
DUVI Ourense 09/02/2024

A programación 2024 das rutas culturais da Área de Benestar, Saúde e Deporte da Universidade de Vigo continúa o sábado 17 de febreiro cunha andaina de montaña que descorrerá pola serra de San Mamede (Ourense). A inscrición está aberta a membros da comunidade universitaria e persoas alleas a ela.

Este novo roteiro, titulado Ruta 6. Ciclo Montaña I. Serra de San Mamede, conta cunha distancia de 17 quilómetros e unha dificultade alta. Seguirá o percorrido Rebordechao, San Mamede, "un dos teitos de Galicia", e Pozo dos Mouros. Como nas demais rutas universitarias, hai dispoñibles en total 55 prazas para os campus de Vigo e Pontevedra e outras 55 para o campus de Ourense, habendo autobuses para trasladar ás persoas participantes dende os tres campus da UVigo. A inscrición en cada ruta está aberta de xeito exclusivo para a comunidade universitaria ata o luns anterior á súa celebración no Campus Activo da institución académica. No caso de quedar prazas libres, o martes, mércores e xoves anteriores á andaina permítese a inscrición de calquera persoa interesada.

O prezo de cada roteiro oscila segundo o colectivo de pertenza e cada un recoñecerase con 7,5 h ECTS por día de duración. Todos os itinerarios para GPS poden descargarse, xunto coas fotografías de cada percorrido e toda a información complementaria, no blog das andainas. Para todas as andainas as persoas participantes levarán a súa comida e o equipo aconsellado pola organización para a súa realización. Tras esta andaina pola serra de San Mamede seguiralle outra de montaña, esta vez por Manzaneda, e outras por O Rosal, Las Médulas e Carnota, prolongándose a programación ata o 20 de abril.