DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O catedrático da UVigo Jesús Simal Gándara é o autor dun novo breviario de divulgación 

Unha publicación sobre alimentos do futuro para nutrir a colección 'Esenciais' 

Afonda nos problemas do sistema alimentario, os seus impactos e solucións

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Publicacións
  • Investigación
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 21/07/2023

O interese na tecnoloxía alimentaria, a preocupación pola sostibilidade, os cambios nas preferencias alimentarias e a necesidade de educar e desmitificar son, segundo o catedrático da Universidade de Vigo na área de Nutrición e Bromatoloxía, Jesús Simal Gándara, as razóns que o levaron a escribir Alimentos do futuro, un novo volume da colección Esenciais, do Servizo de Publicacións da UVigo. “O director do servizo, Jorge Luis Bueno, animoume a escribir un libro de divulgación para a colección dalgún tema da miña especialidade en alimentos e, tendo en conta as tendencias actuais, os intereses do público obxectivo, e a relevancia do tema na sociedade, ou mesmo consideracións comerciais, fíxenlle unha proposta sobre alimentos do futuro”, proposta que o director do Servizo de Publicacións aceptou, polo seu atractivo e “porque contribuía a encher un baleiro no mercado editorial ao abordar un tema emerxente e novo”.

Na súa publicación, Simal pon o acento nos problemas que experimenta o actual sistema alimentario e os impactos que estes provocan a nivel sanitario, social ou económico e entre os que enumera: a seguridade alimentaria, a malnutrición, o impacto ambiental, o acceso desigual aos alimentos, a perda de diversidade agrícola e o desperdicio de alimentos. “Estes problemas interrelacionados requiren unha atención integral e solucións sistémicas para lograr un sistema alimentario máis sostible, equitativo e saudable”, asegura o catedrático.

En Alimentos do futuro, Jesús Simal achega ás e aos lectores os aspectos clave asociados cunha industria alimentaria saudable, como: a produción e oferta de alimentos nutritivos e equilibrados, fomentando o consumo de froitas, verduras, cereais enteiros e proteínas magras, mentres se reduce a dispoñibilidade de alimentos ultra-procesados e altos en graxas saturadas, azucres e sal; a sostibilidade ambiental, coa adopción de prácticas agrícolas sostibles, reducindo o uso de pesticidas e fertilizantes químicos e xestionando eficientemente a auga; a transparencia e o etiquetado claro; e a redución do desperdicio alimentario. “Unha industria alimentaria saudable non só beneficia aos consumidores ao promover unha alimentación nutritiva e equilibrada, senón que tamén contribúe á sostibilidade ambiental, á equidade social, e ao benestar xeral das comunidades”, explica o autor do volume. 

Tecnoloxías dixitais e políticas públicas que fan fronte a problemas do sistema alimentario

Co obxectivo de enfrontar os problemas do sistema alimentario dun xeito máis efectivo, Jesús Simal concreta na súa publicación algunhas das ferramentas coas que as tecnoloxías dixitais e o deseño das políticas públicas poden contribuír a este fin. “As tecnoloxías dixitais, como a Internet das cousas (IoT) e a cadea de bloques (blockchain), poden permitir un seguimento e unha rastreabilidade máis precisa dos alimentos ao longo de toda a cadea de subministro, o que axuda a previr a adulteración de alimentos, garantir a seguridade alimentaria, e reducir o desperdicio, ao tempo que proporciona información valiosa sobre a calidade e orixe dos produtos”, detalla o catedrático na área de Nutrición e Bromatoloxía.

Xunto á rastreabilidade da cadea alimentaria, Simal apunta outras achegas que as tecnoloxías dixitais e as políticas públicas poden realizar para enfrontar os problemas do sistema alimentario, tales como: a agricultura de precisión; o comercio electrónico e plataformas dixitais; así como as políticas públicas baseadas na evidencia achegada polas tecnoloxías dixitais e análises de datos masivos e intelixencia artificial. Precisamente, o catedrático da UVigo está a coordinar o proxecto Horizon Europe SOSFood, que utilizará a explotación de datos e tecnoloxías baseadas en intelixencia artificial (IA) para proporcionar unha imaxe holística e integral do sistema alimentario da UE e desenvolver ferramentas preditivas personalizadas, para respaldar decisións ben informadas de todas as partes interesadas da cadea alimentaria. A idea xurdiu da colaboración con investigadores do CiTIUS na USC, e do DIH DataLife e ao abeiro do proxecto estudaranse tres casos piloto: Galicia (rexión), Lituania (estado) e Atenas (metrópole).

Lectores potenciais de Alimentos do futuro 

Estudantes universitarios, académicos e investigadores, profesionais do sector alimentario, e público interesado na alimentación e na sostibilidade son, segundo o autor da publicación, os destinatarios potenciais deste volume, que se suma ao listado de breviarios de divulgación do saber que conforman a colección Esenciais.