DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Editado polos profesores Diego Carou, Antonio Sartal e J. Paulo Davim

Unha publicación explora as aplicacións dos drons ante os retos da sociedade e a industria

Conta cunha ampla participación de persoal investigador da UVigo

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Publicacións
  • TIC
  • Investigación
DUVI Ourense 25/04/2024

Baixo o título Applying drones to current societal and industrial challenges preséntase unha nova publicación que ten como editores aos profesores da Universidade de Vigo Diego Carou e Antonio Sartal e a J. Paulo Davim, da Universidade de Aveiro (Portugal). A publicación explora as aplicacións dos drons e as tecnoloxías de vangarda que impulsan a súa funcionalidade antes os retos que ten a sociedade e a industria. 

Unha visión holística

O libro, indican os seus responsables, amosa como as aplicacións dos drons “serven como poderosos aliados para abordar diversas necesidades humanas”. Así, apuntan, abranguen desde a transformación de desafíos cotiáns como a conxestión do tráfico ata a mellora da eficiencia en campos como as operacións de busca e rescate, a protección de infraestruturas críticas e a medicina. Ao longo das súas páxinas, na publicación, sinalan os editores, “non só se mostran as aplicacións da tecnoloxía dos drons, senón que tamén arroxan luz sobre como estes vehículos poden revolucionar tarefas comúns como a entrega de paquetes cunha eficiencia sen precedentes”. Igualmente, engaden, o documento explora as complexidades tecnolóxicas, as consideracións regulamentarias e as demandas cambiantes dos consumidores actuais. 

Ao ofrecer “unha visión holística”, comentan os editores, a publicación “proporciona aos lectores unha comprensión profunda da paisaxe polifacética que rodea á tecnoloxía dos drons”. En total, son once os artigos recollidos nas súas páxinas, asinados por un amplo abano de especialistas entre o que destaca a participación de membros de diferentes centros e grupos de investigación do eido científico e tecnolóxico da Universidade de Vigo. 

Presentación

A obra, editada pola editorial Springer, foi presentada este mércores pola tarde no Centro Cultural Marcos Valcárcel da Deputación de Ourense nun acto presentado por Nieves Lorenzo, directora da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do campus de Ourense, e organizado polo grupo de innovación docente Empresa e Innovación e o grupo de investigación Rede (Enerxía, Innovación e Medio Ambiente). Nel presentáronse aplicacións de drons desde o punto de vista da empresa (da man de Gradiant); proxectos de investigación e aplicacións coa visión da universidade (por parte do Aerospace Technology Research Group da Universidade de Vigo); e o traballo da asociación estudantil UVigo Aerotech, da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo.