DUVI

Diario da Universidade de Vigo

CC da Educación e do Deporte acolleu a presentación do informe ‘A moda española en Tánxer’, da man d

Puntadas dadas co fío da pobreza

O estudo denuncia que as mulleres traballan máis de 44 horas á semana por menos de 200 euros

Etiquetas
  • Pontevedra
Bea Feijóo DUVI 28/03/2012

Que realidade se agocha tras a roupa que levamos posta? A esta pregunta tenta dar resposta o informe A moda española en Tánxer: traballo e supervivencia das obreiras da confección, presentado este mércores na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte polas asociacións Amarante Setem e Campaña Roupa Limpa, CRL. Este estudo, que analiza as condicións precarias de traballo que sofren as traballadoras do téxtil en Tánxer, “pretende concienciar á sociedade das circunstancias nas que foron cosidas as prendas que acostumamos vestir, co fin de establecer un consumo responsable”, explicaron Fernanda Couñago, directora de Amarante e Eva Kreysler, coordinadora estatal de CRL. Este acto clausura os actos conmemorativos do Día Internacional da Muller no campus, organizados por Amarante co apoio e financiamento da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo.

As asociacións decidiron presentar o informe nesta facultade pontevedresa dada a necesidade “urxente” de sensibilizar aos máis novos da procedencia das prendas de roupa. “Datos do Observatorio da Xuventude amosan que cada vez máis mozos e mozas se preocupan polo deseño e polas marcas polo que destinan unha gran parte dos seus ingresos á compra de vestiario”, sinalou Couñago, de aí que as organizacións loiten por un cambio no modelo de consumo entre a poboación xuvenil. A profesora Amada Traba, presente na exposición do informe, insistiu en que a sociedade occidental debe adquirir un compromiso “forte” coas realidades do arredor “pois nun mundo globalizado como o actual, os problemas que lles afectan ás mulleres do Tánxer tamén repercuten en nós e non hai que esquecer que a pobreza se está estendendo cada vez máis”, advertiu.

Salario mínimo que non combate a pobreza

O estudo é resultado de 118 entrevistas a obreiras dos talleres téxtiles de Tánxer que serven de provedores de grandes marcas internacionais como Inditex, Mango, Mayoral, El Corte Inglés. A nivel xeral, tanto Couñago como Kreysler salientaron o exceso de horas de traballo ás que se ven sometidas “cun incumprimento continuo” da xornada laboral estipulada de 44 horas semanais; baixos salarios; arbitrariedade na contratación e no despedimento; medidas desproporcionadas e obstáculos á acción sindical. “Prolongan a xornada ata as 12 horas diarias 6 días á semana por salarios que non superan os 200 euros mensuais e, que en ocasións, están por baixo dos 100 euros”, describiron. Couñago advertiu a necesidade de diferenciar entre as condicións laborais da contratación directa e da subcontratación “cun maior respecto dos dereitos no primeiro caso”.

Non obstante, aínda que se respecten as condicións mínimas das traballadoras, “non é garantía para saír da pobreza”, confesou Couñago. Así, o informe destaca que unha familia de catro membros cubriría os seus servizos mínimos cun soldo de 500 euros “co que se conclúe que, aínda que reciban o seu salario mínimo, estas mulleres non terán unha vida digna e continuarán inmersas nunha situación de explotación e de miseria”.

Ante este contexto de explotación, as asociacións salientan a necesidade de que o consumidor reflexione sobre o papel proactivo que pode asumir para combater esta realidade. “A sociedade exerce tal presión que pode conseguir un maior compromiso por parte das principais empresas do téxtil”, sinalou a directora de Amarante. Tanto é así que grandes corporacións como Inditex ou Mango reforzaron as súas políticas de responsabilidade corporativa “tras protestas e recollidas de sinaturas levadas a cabo por xente anónima e polas asociacións”, engadiu.