DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nuria Cid realizou na súa tese a súa caracterización ampelométrica e molecular

O que fai diferente a cada vide galega

Foron analizadas as variedades Treixadura, Godello, Loureira, Dona Blanca, Torrontés e Mencía

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
Rosa Tedín DUVI 20/01/2016

O Plan de Selección Clonal e Sanitaria da Vide en Galicia realizouse nos anos 90 e finalizou coa elección de 213 clons de seis variedades, como son Treixadura, Godello, Loureira, Dona Blanca, Torrontés e Mencía. Esta selección de cepas nai fíxose para garantir unha homoxeneidade e tipicidade que permitise unha maior calidade de cada viño e eficiencia na produción. A certificación deses clons e a súa comercialización en viveiros autorizados supón a máxima garantía de conservación varietal e clonal que o material vexetal de vide pode ofrecer. Na súa tese de doutoramento, Nuria Cid realizou unha caracterización ampelométrica e molecular das variedades de vide seleccionadas neste plan.

Dirixida por Manuel A. Rey e María Pilar de Sá Otero, a tese foi presentada na Facultade de Ciencias do campus de Ourense baixo o título Caracterización ampelométrica e molecular das variedades de vide (Vitis vinifera L.) do Plan de Selección Clonal de Galicia. “O patrimonio constituído polo material de multiplicación clonal de vide ten unha enorme importancia nas zonas produtoras de viños de calidade, o que fai necesaria a súa conservación e inequívoca identificación”, explica a xa doutora sobre a relevancia de acometer esta caracterización.

A ampelografía é o campo da botánica que concirne á identificación e clasificación das vides. Tradicionalmente fíxose por comparación da forma e cor da folla da vide e das uvas, aínda que recentemente se ten incorporado a pegada de ADN. A súa investigación tivo como obxectivo principal a caracterización e diferenciación das variedades de vide do Plan de Selección Clonal e Sanitaria de Galicia, acometendo a caracterización ampelométrica das variedades de vide; a diferenciación ampelométrica entre clons pertencentes a cada variedade; a caracterización molecular das variedades comprobando a conformidade varietal dos clons e o establecemento dun protocolo de cultivo in vitro para aumentar a capacidade multiplicativa do material de vide certificado avaliando a súa estabilidade xenética.

A diferenciación a partir do lado grande da folla e do ADN

A análise dos caracteres ampelométricos das variedades, sinala a investigadora, “puxo en evidencia a eficacia da análise discriminante, logrando unha alta porcentaxe de éxito nas follas de vide correctamente asignadas á súa variedade correspondente”. Segundo explica, durante a investigación realizáronse diferentes análises resultando ser máis eficiente o método por pasos, que consiste en ir seleccionando os caracteres polo seu poder de discriminación das variedades. Con este método mantivéronse elevadas porcentaxes de acerto na identificación das follas e reduciuse nun 25% o número de caracteres necesarios.

Durante a investigación, indica Cid Álvarez, “determinouse que as variables que resultan máis interesantes para caracterizar as variedades son as medidas directas fronte ás medidas de relación, especialmente as do lado grande da folla”. Comprobouse tamén, sinala, que os caracteres ampelométricos recollidos nos códigos da Organización Internacional da Viña e o Viño (OIV) presentan unha gran capacidade discriminatoria. Os elementos máis discriminantes, destaca, foron os que se refiren á lonxitude dos nervios principais, á profundidade dos senos laterais, ao tamaño da folla e á disposición, forma e tamaño dos lóbulos cando se trata de medidas directas.

Polo que respecta á caracterización molecular, segundo explica a investigadora a aplicación á identificación de variedades de vide de marcadores moleculares a partir de ADN permite realizar unha caracterización moi precisa. Para facela, no traballo empregou microsatélites, marcadores baseados na existencia no xenoma de motivos curtos (1-6 pares de bases) repetidos diferente número de veces. Con nove microstélites estudados sobre as seis variedades de vide, os perfís alélicos foron diferentes para cada variedade, o que permitiu a súa caracterización. Os resultados foron contrastados cos doutros autores e cos dispoñibles nas bases de datos de referencia para as variedades de vide.

Gran proximidade morfolóxica entre clons

Polo que respecta aos clons, a análise discriminante a partir dos caracteres ampelométricos non logrou a súa separación, “o que puxo en evidencia a gran proximidade morfolóxica existente entre eles”. Este extremo viuse confirmado cos resultados das análises moleculares realizadas en base a microsatélites, nas que se detectou que todos os clons son conformes ao tipo varietal.

Cultivo in vitro para a produción de material certificado de vide

Por último, a partir de segmentos nodais de pámpanos obtidos por forzado de estaquillas leñosas, na tese de doutoramento estableceuse un protocolo de multiplicación in vitro para un clon certificado de vide. “A capacidade multiplicativa mantívose durante nove subcultivos sucesivos, nos que periodicamente se adaptaron as plantas ás condicións de cultivo en maceta coa finalidade de comprobar a súa estabilidade xenética. Os resultados das análises de microsatélites revelaron a conformidade varietal de todas as plantas, o que demostrou a utilidade da micropropagación para producir material certificado de vide”, resume a doutora.