DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Facultade de Historia e a Vicerreitoría do campus organizan un Concurso Foto-Relato Mobilidade

Que imaxe representa mellor a túa estancia noutra universidade?

O obxectivo é visibilizar e reivindicar o enriquecemento que supón para o alumnado programas como Er

Etiquetas
  • Ourense
  • Estudantes
Rosa Tedín DUVI 14/12/2012
Unha das experiencias que máis enriquecen a vida académica e persoal dos universitarios é a realización de estadías noutras universidades, pois permítenlle coñecer outras formas de vivir, de estudar e de investigar e porque lles obriga a ser máis flexibles e autosuficientes, entre outras moitas cuestións. Para visibilizar e para reivindicar todos estes beneficios dos programas e bolsas de intercambio, a Facultade de Historia e a vicerreitoría do campus de Ourense organizan un Concurso Foto-Relato Mobilidade destinado a que estudantes e egresados deste centro amosen a través dunha imaxe comentada o que para eles foi a experiencia de estudar fóra.

Concretamente poden participar nesta iniciativa alumnado da Facultade de Historia e licenciados desta titulación a partir de/ou despois do curso académico 2009/2010. As persoas interesadas deberán presentar unha obra (fotografía con relato) que deberá estar baseada na experiencia dunha estancia no transcurso dunha bolsa de mobilidade Erasmus, Sicue ou bolsas propias. O relato deberá ir acompañado dunha ou de varias fotografías e valorarase a relación entre os dous, que formen conxuntamente unha única peza. Só se permite una proposta por participante e o prazo de presentación está aberto ata o 15 de xaneiro de 2013.

O momento de reivindicar a mobilidade

“O noso obxectivo con esta iniciativa é triplo. En primeiro lugar, queremos dar visibilidade á importancia que teñen nos estudos de humanidades estas estadías, amosar como alumnos nosos se van a Turquía, a Arxentina ou a diferentes países a aprender e a intercambiar coñecementos. En segundo lugar, agora que se anuncia o recorte de programas como Erasmus, é o momento de reivindicar todo o positivo que a mobilidade achega aos nosos estudantes e centros. Por último, tamén nos interesa fomentar a creatividade e a capacidade de expresarse textual e visualmente dos nosos alumnos”, explica Beatriz Comendador, decana da Facultade de Historia.

Os estudantes e egresados interesados en participar nesta iniciativa poden solicitar máis información e as bases no decanato da Facultade de Historia ou na Delegación de Alumnos do centro, en defho@uvigo.es. Agora que chegan as vacacións de Nadal e rematan os exames, os organizadores do certame queren animar aos posibles participantes a dedicar un anaco do seu tempo a buscar entre a morea de fotografías realizadas durante a súa estancia de intercambio, a seleccionar unha imaxe significativa do que foi a súa experiencia e a presentala a esta iniciativa. As fotografías, premiadas ou non, formarán parte dunha exposición e un xurado outorgará un premio á mellor delas.