DUVI

Diario da Universidade de Vigo

50 estudantes de 6º de primaria do colexio Escultor Acuña visitan aos autores do picosatélite

Por que o XaTcobeo é tan pequeno?

Os escolares vigueses que foron recibidos polo reitor, trasladáronlles a súa paxión polo proxecto

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
Mª del Carmen Echevarría e Jessica Fdez. DUVI 12/04/2012
Son novos, moi novos, pero sobradamente preparados en ciencia e aquilo que descoñecen non dubidan en preguntalo. Así son os case 50 estudantes de 6º de primaria do colexio público vigués Escultor Acuña que hoxe compartiron a mañá con parte do equipo que deseñou e construíu o picosatélite XaTcobeo nos seus lugares habituais de traballo como a cámara anecóica, a cámara de baleiro ou o centro de seguimento. Desde hai meses e coa axuda dos seus profesores, en especial de María Xosé Pérez, titora de 6º A, este grupo de rapazas e rapaces de entre 11 e 12 anos, seguiron con enorme interese a evolución do proxecto que permitiu poñer en órbita o primeiro picosatélite Cubesat 1U dunha universidade europea construído cos estándares da Axencia Espacial Europea. Da análise das noticias publicadas en prensa sobre este fito e dos debates realizados nas aulas, o coñecemento e a curiosidade acadados polos estudantes sobre o XaTcobeo derivou no desexo de coñecer aos autores do proxecto e poderlle trasladar este interese, algo que primeiro fixeron por carta e hoxe en persoa.

En que capa da atmosfera está o XaTcobeo?; por que é tan pequeno e cales son as súas funcións? ou, que debo facer para ser astronauta?, son algunhas das cuestións ás que hoxe tiveron que enfrontarse Fernando Aguado y José Antonio Vilán, directores do proxecto, nunha experiencia que cumpre, segundo Aguado, “un dos grandes obxectivos que tiñamos ao inicio do proxecto que era achegarnos á sociedade, dende os maiores aos pequenos. É moi bonito que estes rapaces coñezan que desde Vigo se fan cousas importantes e é fantástico que teñan ilusión por vir ata a Universidade a velo”. Sorprendido polo grao de especialización e complicación dalgunhas das preguntas dos cativos, José Antonio Vilán considera “unha satisfacción que estean interesados e queiran ser algo máis ca futbolistas de elite. A verdade é que moitos dos rapaces que hoxe estiveron aquí apuntan maneiras para a ciencia”.

Para que o que hoxe é unha afección se poida converter no futuro nunha profesión, o reitor, Salustiano Mato animou ao alumnado do Escultor Acuña a “estudar moito, na Universidade de Vigo, claro”, ao tempo que agradeceu, no encontro previo ao inicio da visita que realizaron os estudantes aos lugares de traballo do equipo do XaTcobeo, o interese no proxecto manifestado a través da cartas que lles enviaron aos artífices do picosatélite. Mato tamén destacou a importancia do esforzo para acadar unha meta e “a necesidade de manter a ilusión na aprendizaxe”.

Como nas películas ….

As expectativas creadas nos rapaces durante as semanas de traballo no colexio non se viron hoxe defraudadas na visita ás escolas de Telecomunicación e Industriais. “O que máis me chamou a atención foi a cámara de baleiro que é algo como nas películas”, aseguraba Alejandro Balado. Este rapaz que asegura que lle gustaría ser científico aínda que non ten claro que vai estudar, tamén recoñecía que “todo é moi novo para nós, pero o que si nos queda claro é que a iso non se chega tan fácil, polo que temos que esforzarnos moito”.

O esforzo, pero tamén a curiosidade, a capacidade crítica e o espírito cooperativo, son os valores sobre aos que a diario traballa o profesorado do Escultor Acuña co seu alumnado. “Fomentamos unha educación igualitaria, ensinándolles por exemplo o traballo desenvolvido por mulleres científicas como Hipatia de Alexandría ou Marie Curie”, explica a profesora María Xosé Pérez que destaca a importancia de os nenos e nenas descubran que no mundo hai moitas cousas interesantes. “É doado que se apaixonen cun proxecto como XaTcobeo”, sinala a docente “ata o punto de formular decenas de preguntas, algunhas cun nivel científico moi elevado”.

Noa Soage que quere ser enxeñeira técnica e Laura Pérez que apunta á arqueoloxía como futuro profesional aseguran que o que máis lle chamou a atención é “o coidado que hai que ter con todo, incluso poñéndose roupa especial”. Noa e Laura, como moitos dos seus compañeiros, remataron a visita convencidos de que no mundo a ciencia “todo é cuestión de tempo e paciencia”.