DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Carmen Becerra coordina unha exposición sobre o literato no ano do seu centenario

O queixo de tetilla e o pan de mollete de don Gonzalo Torrente Ballester

A profesora percorre os outros mundos do autor, co que tivo unha estreita relación

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
M. Del Río DUVI 01/07/2010


Neste 2010 conmemórase o centenario do nacemento de Gonzalo Torrente Ballester. Para celebralo, a fundación que leva o nome do escritor e que dirixe a profesora Carmen Becerra preparou unha exposición, que baixo o título Los mundos de GTB, fai un percorrido polas facianas máis coñecidas do escritor ferrolán pero sobre todo por aquelas que seguen máis agochadas, tanto profesionais como persoais. Pero que Carmen Becerra sexa comisaria desta exposición, xunto co crítico de arte Miguel Fernández-Cid, non é unha casualidae, senón máis ben unha causalidade. A catedrática explica para o Duvi a longa relación que a une a Gonzalo Torrente Ballester.

Comisariar Los mundos de GTB é, como dicía, unha causalidade porque vostede coñeceu persoalmente a Torrente Ballester...
Efectivamente o comisariado da exposición non é un encargo casual. Fai agora 30 anos eu coñecín a Torrente Ballester persoalmente e xa o coñecía como lectora. Foi na Universidade de Santiago, onde eu era profesora axudante na Facultade de Filoloxía. Esa tarde que el apareceu pola facultade tivemos a sorte de coñecelo, xunto cun grupo de amigos, tomando algo con el, aínda me lembro: queixo de tetilla e pan de mollete, algo que lle gustaba moitísimo acompañado por unha cunca de viño tinto.

Froito dese encontro casual xurdiu un relación que duraría ata o pasamento do escritor.
Si, foi unha casualidade porque el estaba na facultade buscando documentación para unha obra de encargo e cando se correu a voz, o rebumbio foi importante. Despois desa tarde fomos estreitando a relación e viña á miña casa cando pasaba por Santiago. Un ano despois, a min encárganme dende o Ministerio de Cultura escribir a súa biografía. Eu xa traballara algo sobre el, pero supoño que foi el mesmo o que suxeriu o meu nome.

Que significou para vostede o encargo? Uniuna aínda máis a el?
Pois a verdade é que foi a miña primeira publicación sobre GTB, no ano 1982 e un encargo deste tipo obrígate a facer algo que posiblemente non farías aínda que estudases ao autor. Ese algo é ver a parte oculta do personaxe, as outras caras, e todo a base de entrevistas con familiares e amigos, de ler correspondencia, etc. Un das entrevistas máis bonitas foi a que tiven con Ricardo Carballo-Calero, que era un home da mesma idade que Torrente Ballester, tamén ferrolán, compañeiros no Partido Galeguista e cunha forte ligazón, naquel tempo, ideolóxica, aínda que os seus camiños se separaron ao ingresar Torrente na Falange. Con todo, a pesar de parecer un home serio e incluso esquivo de trato, foi do máis tenro, emocionante, queríanse moito e tíñanse moito respecto. Experiencias como esa tívenas grazas á oportunidade de escribir un libro que permite achegarse a unha dimensión do escritor, a persoal, que non é a propia dun profesor de literatura.

Esas zonas privadas que tivo a oportunidade de coñecer de Torrente Ballester son as que agora están recollidas na exposición Los mundos de GTB?
Esa é a intención porque sabemos que o coñecemento que ten a xente del é moi parcial. Para a maioría da xente é un novelista, autor de Los gozos y la sombras e La saga/fuga de JB e para outros, dende unha perspectiva extra literaria é un falanxista, un home deostado polo seu pasado político. Pero precisamente a “s” do título da exposición pretende poñer de manifesto o descoñecemento que existe do escritor. Hai que ter certa cautela e un pouco de prudencia cando se verten xuízos e opinións sobre o camiño tomado nun momento tan crítico na historia de España, tendo en conta motivos como o medo, do que ninguén está libre.

E cales son eses "outros mundos de GTB"?
O que queremos é poñer de manifesto a figura poliédrica como creador de Torrente Ballester. É efectivamente un novelista, pero foi tamén dramaturgo, e ademais foi un crítico de teatro moi importante e as súas opinións agardábanse con impaciencia en Madrid; foi ensaísta e ten publicadas unha serie de obras sobre teoría de literatura, entre elas El Quijote como juego, sobre as técnicas narrativas empregadas por Miguel de Cervantes. A isto hai que engadir que durante dez anos estivo moi vinculado ao cine pero o que non podemos esquecer é que foi toda a súa vida profesor, iso foi o que deu de comer á súa familia e foi unha profesión que reivindicou toda a súa vida. Deu clase de Historia na USC, fixo a tese en París, foi docente en Madrid, Ferrol, Pontevedra e Vigo. Tamén na Universidade de Nova York, onde deu clases de literatura española. Pero aínda hai outra faceta, o Torrente fotógrafo e na exposición dedicamos unha sala a mostrar as súas fotos, que utilizaba non só como recordos senón por razóns puramente estéticas e como apoio do material entregado logo na súa obra narrativa.

Falamos de fotos pero, que se vai atopar o visitante na exposición?
A mostran ten dúas partes, unha centrada na fotografía na que as súas instantáneas se enfrontan ás dun fotógrafo galego actual, Vari Caramés cun percorrido pola xeografía vital e literaria do autor. A outra parte da mostra recolle case trescentas pezas, as primeiras edicións dos seus libros, algúns manuscritos orixinais a man ou a máquina, fondos da Fundación Torrente Ballester, correspondencia, artigos, obxectos como bastóns, gafas, plumas, máquinas de escribir... Estas cousas xuntas poden dar unha boa imaxe de todas as súas facetas ao longo dos seus 90 anos de vida e da cantidade de traballo que fixo e non a visión parcial dun home con gafas e bastón que escribía novelas.

Pero precisamente ese descoñecemento dáse pola falta de recoñecemento do autor... cales son as causas desta apatía?
Son varios os motivos. Hai que ver que Torrente non triunfa cando publica La saga/fuga de JB, que algúns definen como a mellor novela escrita en lingua castelá no século XX. O éxito ven nos anos 80 cando se produce o éxito da serie de TV de Los gozos y las sombras, foi entón cando vendeu realmente libros e xa tiña 74 anos. Algúns críticos tamén sosteñen que é un escritor demasiado intelectual e complexo pero tamén sobre el pesou moito a súa implicación no grupo de Burgos coa Falange, o estigma dun falanxista a pesar de que se foi afastando ata que en 1962 é un dos asinantes do escrito contra a represión en Asturias, motivo polo que foi expulsado e marchou a América. Tamén influíu moito o feito de que non escribise en galego, aínda que Galicia sempre estivese presente na súa obra, é recoñecible en temas, personaxes e lugares como Ourense, Ferrol, Santiago, Pontevedra...

Varias destas cidades precisamente acollerán a exposición de Los mundos de GTB.
En Santiago na sede da Fundación, onde está o seu legado que doou a Galicia, o seu arquivo, a súa biblioteca, correspondencia e as súas pertenzas. Estivo xa en Salamanca, Ferrol e en Logroño e máis tarde irá a Segovia, Toledo, Palma de Mallorca, Madrid, Oviedo e o ano que vén circula polos Institutos Cervantes de Europa e esperamos poder levala á Feira do Libro de Guadalajara en México, na Habana, en Nova York na Universidade de Albany, da que foi profesor. Tamén estará en outono en Pontevedra e paralelamente, en pequeno formato, en Nigrán, no que residiu e no que iniciou unha estreita relación con Carlos Casares e con Prego de Oliver, o pintor ourensán.

E no outono celebrarase un congreso sobre o escritor.
Será a semana do 15 de novembro. Organizámolo o grupo de investigación sobre Torrente Ballester desta Universidade, que é o único que existe en todas as universidades españolas. O congreso é de carácter internacional e van colaborar varias universidades estranxeiras, por exemplo a Münster e a Kiel, ambas de Alemaña. É un encontro de torrentistas do mundo, todos eles investigadores universitarios acreditados e queremos que sexa unha culminación ao traballo que desenvolve na Universidade de Vigo este grupo. Estamos moi satisfeitos de facer todo o que podemos por un autor que, para todos nós, merece un respecto e unha admiración enorme por todo o que achegou á cultura galega, á española e á arte da literatura, e fixémolo con todo cariño tratando de poñer o noso gran de area no centro de traballo ao que nós pertencemos que é a Universidade de Vigo.