DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus de Ourense uniu a un cento de escolares, universitarios e adultos nunha xornada de conviven

Quen dixo que maiores e nenos non saben divertirse xuntos?

O obxectivo foi estreitar os lazos entre diferentes xeracións a través dos xogos propios de cada unh

Etiquetas
  • Ourense
  • Estudantes
Rosa Tedín DUVI 19/04/2012

Cada xeración medra cuns determinados xogos que forman parte das súas características diferenciais, desde os xogos tradicionais dos maiores ata as videoconsolas dos máis pequenos. E cada xeración “acusa” ás outras de non saber divertirse tanto coma ela. Para rachar este tópico e sobre todo para romper as barreiras sociais que tenden a manter afastados a adultos e nenos fóra do contexto familiar, o campus de Ourense acolleu este xoves as IX Xornadas Interxeracionais. Nelas, arredor dun cento de escolares, universitarios e maiores compartiron un día moi especial de actividades e ocio co único obxectivo sacar de todos eles, ao marxe da súa idade, o neno que levan dentro e de aprender uns doutros. Ninguén mellor ca eles sabe como divertirse.

A actividade, organizada pola Facultade de Ciencias da Educación e a Asociación Cultural Galega de Formación Permanente de Adultos, comezou a primeira hora da mañá coa xuntanza de todos os participantes para escoitar o pregón de boca dunha das veteranas na celebración destas xornadas, Victoria Alonso. “En tempos difíciles coma os que estamos vivindo agora é máis preciso que nunca unirnos todos para superar os retos. E o reto destas xornadas é que os maiores aprendamos dos novos e os novos de nós, pois aínda que maiores, que non da Terceira Idade, nos tamén queremos e sabemos divertirnos, xa veredes”, dixo Alonso ao preto de 60 alumnos de 12 e 13 anos que se achegaron ata as xornadas procedentes do Colexio Divina Pastora de Ourense.

Do escepticismo inicial...

Tras este arranque, maiores, universitarios e escolares comezaron no Pavillón de Deportes do campus as actividades con xogos colaborativos nos que o obxectivo era romper o xeo inicial implicando a todos os participantes no seu desenvolvemento. Deste xeito, e en apenas nuns minutos, o escepticismo inicial dos rapaces, que acudían por primeira vez a esta cita, deu paso á diversión e maiores e nenos empezaron a interactuar con total distensión, coma se as décadas que os separan deixaran de existir. “É estupendo ver como as ganas de divertirse son ao final o importante, ao marxe da idade que se teña”, comentou Xosé Manuel Cid, vicedecano da Facultade de Ciencias da Educación.

Outros dos aspectos máis interesantes desta xornada de convivencia, destacou a universitaria e membro da organización Clara Cameselle, é ver aos maiores plenamente activos nas actividades, con enerxía e ganas de facer cousas, empapándose da tradicional vitalidade e enerxía dos pequenos. Ademais, os nenos aprenden a ver aos maiores como persoas coas que compartir cousas e momentos, cos que divertirse e aprender dun xeito lúcido. “É unha experiencia marabillosa que cada ano estamos desexando que chegue. Estar compartindo así xogos e diversión cos rapaces é algo excepcional, que desgraciadamente non todos os días pasa”, apuntou Mª Carmen Varela, que participou nesta actividade por cuarto ano consecutivo procedente das Aulas da Terceira Idade da cidade.

... a querer repetir

Do éxito da iniciativa dá conta o feito de que a maior parte dos maiores participantes lévano facendo ano tras ano desde que coñeceron a iniciativa. Tamén acoden anualmente estudantes que participaron na súa organización anos atrás e que xa non están na Universidade de Vigo, como é o caso de Millán Brea, que participou na I Xornada Interxeracional como alumno e que hoxe miraba con satisfacción como a cita cada ano consolida a súa actividade e acada os seus obxectivos sociais.

Os que quedaron con ganas de repetir foron finalmente tamén son os estudantes, que este ano comezaron a actividade con certas reticencias por non saber o que lles agardaba pero que gozaron coma os que máis compartindo e competindo nos xogos con maiores, universitarios e outros nenos. “A idea está moi ben, porque por un día podemos saír do colexio e xogar e falar con persoas que non son da nosa idade”, apuntou a alumna Uxía Álvarez, de 12 anos. Cos adultos da súa familia, explicou, ten compartido nalgunhas ocasión xogos, pero como moitos dos seus compañeiros amosábase especialmente feliz de vivir un día así, rodeada de nenos de idades moi diferentes.