DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Preséntase no campus de Ourense unha nova edición de Beertual Challenge

Queres xogar a crear unha cervexeira da man do Grupo Modelo?

Un equipo de Ciencias Empresariais e Turismo chegou á final na anterior convocatoria

Etiquetas
  • Ourense
  • Estudantes
Rosa Tedín DUVI 16/10/2012

Antonio Cartolano, Isabel Rodríguez e Diana López, alumnos do Máster Oficial Universitario en Creación, Dirección e Innovación na Empresa da Universidade de Vigo, viviron o ano pasado “unha experiencia persoal e profesional inesquecible” como eles mesmos comentan. Chegaron a participar en México na final do xogo de negocios Beertual Challenge do Grupo Modelo, sétimo grupo empresarial cervexeiro do mundo. Para animar ao alumnado do campus de Ourense a repetir ou incluso mellorar este resultado, Andrés Olivera, director de Recursos Humanos para Europa do Grupo Modelo, presentou este martes na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo unha nova edición do xogo.

Elisa Alén, decana do centro, foi a encargada de dar a benvida ao representante do grupo mexicano, desexando que nesta edición de Beertual Challenge cando menos se repita o éxito de anos anteriores, pois xa en dúas ocasións equipos da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo conseguiron disputar en México a final. “Despois de cinco anos consecutivos vindo a presentar o xogo estar no campus de Ourense é coma estar na casa”, destacou Andrés Olivera, que felicitou ao centro pola súa boa participación nesta iniciativa ano tras ano.

Inscrición ata o 29 de outubro

Ao alumnado presente, entre os que estaban Antonio Cartolano e Isabel Rodríguez para explicar a súa experiencia, Olivera animoulles a, antes do 29 de outubro, formar un equipo de tres persoas, “o máis complementarios posibles”, e inscribirse na nova edición de Beertual Challenge e prepararse para competir con universidades de México, Arxentina e España. Segundo explicou, o concurso terá tres fases principais eliminatorias. Na primeira delas, os equipos competirán nunha simulación virtual, onde deberán xestionar unha empresa cervexeira e tomar todas as decisións empresariais correspondentes, desde recursos humanos e produción ata comunicación e ventas.

Rematada a parte web, os que consigan pasar á seguinte fase deberán presentar unha proposta de internacionalización da súa empresa cervexeira. Os mellores equipos que saian desta segunda proba serán os que acudan a México a defender ante directivos do Grupo Modelo e de destacadas empresas do país a súa idea de negocio. Para os gañadores haberá tres premios na categoría de licenciados, consistentes na realización de diferentes mestrados e cursos, e tres premios na categoría de mestrados, centrados na realización de visitas a diferentes países.

Esta iniciativa, subliña Andrés Olivera, enmárcase dentro das accións de responsabilidade social compartida do seu grupo, “que quere con ela quere devolver á sociedade parte do que ela nos dá a nós cando merca os nosos produtos”. Segundo explicou aos asistentes, o seu grupo é a sétima empresa cervexeira do mundo, con 37.000 empregados e unha produción anual de 55 millóns de hectolitros, e o seu produto Coronita é a quinta cervexa máis consumida no mundo. Coa experiencia empresarial que dan estas cifras, o alumnado que se anime a participar, apuntou, terá unha oportunidade única de achegarse ao mundo dos negocios neste sector.