DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Facultade de Ciencias organiza un ciclo de cine para axudar ao Banco de Alimentos de Ourense

Un quilo de comida, unha película e un acto de solidariedade

O prezo da entrada para os que queiran asistir é doar un quilo dun produto non perecedoiro

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Rosa Tedín DUVI 30/01/2012

Durante o Nadal o campus de Ourense comezou a súa colaboración co Banco de Alimentos da cidade organizando unha recollida de case 500 quilos de comida co obxectivo de axudar ás persoas máis necesitadas a pasar esas datas tan especiais. Rematou o Nadal pero a solidariedade e a colaboración co banco mantense, agora a través da organización na Facultade de Ciencias dun Ciclo de Cine Social e Solidario no que a entrada para asistir a cada proxección será un quilo dun produto non perecedoiro que se destinará a esta entidade benéfica. A cita será cada mércores, ás 19.30 horas, desde o 1 de febreiro ata o 21 de marzo.

O ciclo, organizado pola Facultade de Ciencias de Ourense, o Grupo Bioscope, o Vídeo Club Parque de Ourense e a Asociación Estudantil ECOUS, constará de oito sesións nas que se proxectarán coñecidas películas que afondan en cuestións sociais como o maltrato á muller e aos nenos, a guerra, a discriminación sexual ou o desemprego. Concretamente, proxectaranse El árbol de la vida, Carlos, La guerra de Charlie Wilson, Un hombre soltero, Incendies, The company man, Los lunes al sol e Tengo algo que deciros.

Calidade cinematográfica con contido social

Con esta carteleira, explican os organizadores, quixeron deseñar unha programación atractiva, capaz de atraer pola súa calidade cinematográfica á maior cantidade de público posible, e ao mesmo tempo con contido social, en consonancia co espírito solidario do ciclo. “Con esta iniciativa queremos dinamizar a actividade na Facultade de Ciencias alén da programación académica e sobre todo queremos pór o noso gran de area para axudar ás persoas que nestes momentos de crise o están pasando especialmente mal e precisan da axuda do Banco de Alimentos”, destaca o profesor do centro Carlos Lodeiro.

Como xermolo deste ciclo, Lodeiro explica que este Nadal o grupo de investigación Bioscope trocou o seu tradicional intercambio de agasallos pola realización dunha doazón ao Banco de Alimentos. Unha iniciativa que foi moi ben acollida polos participantes nela e que agora queren ampliala e abrila aos demais membros da comunidade universitaria e de fóra dela. Nestes senso, os organizadores queren destacar que o Ciclo de Cine Social e Solidario está aberto a estudantes, PAS e PDI pero tamén a todos os ourensáns que desexen achegarse ao campus de Ourense a ver bo cine mentres realizan un acto de solidariedade.

A primeira cita será o mércores día 1 de febreiro, ás 19.30, no salón de actos Marie Curie do Edificio Politécnico do campus de Ourense, coa proxección de El árbol de la vida. A película, estreada en 2011, está dirixida por Terrence Malick e protagonizada por Brad Pitt. Palma de Ouro á mellor película no Festival de Cannes, a obra narra a viaxe vital dun home desde a súa infancia no seo dunha familia norteamericana dos anos cincuenta. Aqueles que desexen asistir a esta sesión ou ás vindeiras deberán entregar na entrada da sala un quilo dalgún produto non perecedoiro, como arroz, aceite, pastas ou conservas.