DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O reitor reivindica na inauguración o papel das mulleres nesta ciencia

Química dá o pistoletazo de saída aos festexos do seu Ano Internacional

O catedrático Luis Liz Marzán fai un chamamento a “gobernos intelixentes” que invistan en investigac

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
D. Besadío DUVI 05/05/2011
A Asemblea Xeral da ONU proclamou o 2011 como o Ano Internacional da Química para concienciar á sociedade das contribucións desta ciencia ao benestar da humanidade e a esta celebración uniuse este xoves a Facultade de Química cun programa de actos no que se incluirán conferencias, talleres, exposicións e concursos de elaboración de carteis e fotografía. “Trátase de amosar a relación da química con campos aparentemente tan distantes como, por exemplo, a música”, subliñou a decana, Soledad García Fontán, que insistiu en que “as actividades serán moitas e durarán ata a celebración de San Alberte Magno, patrón dos estudantes das ciencias”.

Neste pistoletazo de saída das celebracións contouse tamén coa participación do reitor, Salustiano Mato, que foi o encargado de abrir oficialmente as celebracións. Nunha intervención na que destacou a importancia da química “pois, ao fin, nós mesmos somos química”, lamentouse de que no novo modelo económico que se está a impor, “cousas como o mecenado e a aposta polo talento e a investigación se estean esvaecendo” se ben insistiu en que non hai que deixar de empeñarse “en convencer e namorar á xente e ás institucións da importancia que ten a investigación, porque iso é o que nos permite avanzar para coñecer o mundo”.

Coincidindo co centenario do Premio Nobel outorgado a Marie Curie, o reitor aproveitou o acto para reivindicar as achegas que as mulleres levan realizado a esta ciencia. “Cando menos temos unha muller que foi visibilizada”, salientou en referencia á cultura patriarcal reinante, “pero foron moitísimas as investigadoras salientables que estiveron detrás de proxectos e que a historia non recoñeceu”, engadiu, facendo tamén referencia á dificultade que supón a día de hoxe atopar quen estaba detrás das investigación que foron logo visibilizadas por varóns.

O mundo “visto en nanómetros”

Nun centro que, a xuízo do reitor, “camiña continuamente cara a excelencia”, quen mellor que o profesor Liz Marzán , “un auténtico luxo para a Universidade”, para estrear o programa de actividades. Cun relatorio titulado Materias con propiedades á carta: cuestión de escala, o catedrático vigués fixo un rápido repaso, non carente de humor e ironía, á evolución da sociedade no que ao uso de materiais se refire, desde a antigüidade, onde todo proviña da natureza, ata os máis actuais, baseados na investigación científica, como os nanotubos, “que tiveron unha expansión enorme nos últimos anos” ou o grafeno “aínda máis lixeiro e con múltiples posibilidades para as que xa están comezando a xurdir toda unha serie de aplicacións prácticas”, subliñou Liz Marzán, recentemente galardoado co Premio Dupont da Ciencia e o Humboldt en recoñecemento á súa traxectoria.

“O groso dun pelo equivale a 50.000 nanómetros”, exemplificou o recoñecido investigador para que os asistentes se puidesen facer unha idea do que é “o mundo visto en nanómetros”. Pero máis alá da nanotecnoloxía, principal eido de traballo do seu grupo de investigación, Liz Marzán lembrou na súa intervención os múltiples motivos polos que un “goberno intelixente” debe financiar a investigación. “A investigación nesta ciencia permite identificar novos materiais, moitos dos cales resultan útiles e permiten expandir a industria e, por extensión, crear máis empregos”, foron algúns dos argumentos que achegou.

A chegada dos exames e o verán suporán un parón na celebración deste Ano Internacional, que volverá “cheo de actividades” chegado o mes de setembro.