DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A idea é fomentar as sinerxías con outros centros, universidades e institucións

O químico israelí Itamar Willner inaugura un novo ciclo de seminarios no Cinbio

Afondou no uso das nanopartículas como portadoras para a liberación controlada de fármacos

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Investigación
DUVI 14/02/2022

O Centro de Investigacións Biomédicas da Universidade de Vigo, Cinbio, arrancou este luns o Cinbio Seminars Program, un novo ciclo de seminarios que traerá ata o campus a diferentes investigadoras e investigadores, punteiros tanto a nivel nacional como internacional, especialistas en materias relacionadas co traballo e as áreas de investigación do centro. Inaugurou o ciclo, neste caso cun seminario en liña, o químico israelí Itamar Willner, da Univesidade Hebrea de Xerusalén, cun índice H de 139, que afondou no uso de nanopartículas e microcápsulas como portadores para a liberación controlada de fármacos, así como das múltiples posibilidades para aproveitar as “excepcionais propiedades” do ADN para crear nanomateriais intelixentes para o tratamento do cancro de maneira controlada.

Este primeiro relatorio congregou a máis de medio cento de investigadores e investigadoras do Cinbio que asistiron virtualmente ao evento e participaron na rolda de preguntas posterior. Nos próximos meses agárdase a participación neste ciclo de científicas nacionais como Marisol Soengas, investigadora en cancro no Centro Nacional de Investigacións Oncolóxicas, CNIO, ou Mónica L. Fanarraga, investigadora na Unidade de Nanomedicina do Instituto de Investigación Sanitaria Idival. A idea é que, na medida do posible, os seminarios se celebren de xeito presencial e sexan retransmitidos en liña.

O obxectivo fundamental destas accións é, segundo se indicou desde o centro, “contribuír á constante formación do persoal investigador, estar sempre ao día dos avances científicos e tecnolóxicos, así como xerar debate, intercambiar coñecemento e reflexións e fomentar as sinerxías entre o Cinbio e outros centros, universidades e institucións”.

A vindeira semana Ana Campos afondará na fisiopatoloxía do autismo

Ademais desta nova iniciativa, continúa tamén a levarse a cabo o ciclo de seminarios internos Coñece ao #teamCinbio, na que as investigadoras e investigadores do centro presentan os seus traballos coa fin de fomentar as colaboracións entre o persoal dos distintos grupos do centro e así sacar partido da gran multidisciplinariedade dos equipos que forman parte do Cinbio. O  seguinte relatorio será neste caso o vindeiro martes día 22  e correrá a cargo de Ana Campos Ríos, investigadora predoutoral no grupo Neurociencia, que presentará a súa investigación sobre as canles de potasio TREK e a súa implicación na fisioloxía do corazón e na fisiopatoloxía do autismo.