DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A facultade presentou a súa campaña de captación de alumnado de Bacharelato e FP

Quizais este sexa un bo sitio para estudar Empresariais e Turismo

Entre as accións previstas están un espazo web, un vídeo promocional e o concurso XOGA FCETOU

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 12/03/2012

O curso escolar xa está moi avanzado e os estudantes de Bacharelato e Formación Profesional de último ano xa comezan a buscar universidades e titulacións para continuar os seus estudos. Co obxectivo de atraer a este alumnado, a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense vén de presentar este luns unha campaña promocional na que, a través dun espazo web, dun vídeo e dun concurso, se convida aos futuros universitarios a coñecer o centro e os seus estudos, pois quizais este sexa un bo sitio para estudar Ciencias Empresariais e Turismo, tal e como di a campaña.

Elisa Alén, decana da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, e Patricio Sánchez, vicedecano de Implantación de Novos Graos, foron os encargados de explicar as tres iniciativas estrela da campaña. En primeiro lugar foi presentado o espazo web que dentro da páxina institucional do centro explica os motivos de por que estudar nesta facultade. Nel ofrécese ampla información da cidade de Ourense, da vida universitaria e dos estudos que imparte no centro.

Para pór en imaxes o que é a facultade ourensá, a web conta cun vídeo promocional do centro “con aspecto innovador, xuvenil e dirixido especialmente a atraer a atención do público máis novo”, como salientou Elisa Alén durante a presentación. A través dun globo vermello que vai percorrendo diferentes salas do edificio, algúns docentes e alumnos da facultade fan pequenos cameos como actores e ofrecen unha imaxe moderna e divertida do centro. Nas imaxes do vídeo, especialmente dirixido aos estudantes galegos, intercálase información sobre os diferentes estudos que imparte o centro baixo o lema "Quizais este sexa un bo sitio!" para estudar Ciencias Empresariais e Turismo.

Canto sabes de...?

Ademais de ofrecer esta pincelada da vida universitaria na facultade, o espazo web propón aos estudantes de Bacharelato e FP un concurso no que se poñe a proba os seus coñecementos dos estudos que se imparten neste centro. “O xogo consiste en responder, nun tempo límite, a 15 preguntas tipo test relacionadas cos contidos dos graos que impartimos. A persoa que responda correctamente ás preguntas no menor espazo de tempo será o gañador ou gañadora levará un IPad2 e o docente que o apoie unha fin de semana nun balneario”, explicou Elisa Alén. O prazo para participar remata o vindeiro 31 de marzo de 2012.

A decana salientou que os graos de Turismo e Administración de Empresas conseguiron o ano pasado cubrir e superar as prazas dispoñibles. Segundo explicou a matrícula foi máis baixa no caso do grao de Consultaría e Xestión da Información pero, advertiu, “pode incrementarse xa que é un dos perfís máis demandados na actualidade polas empresas. É unha titulación nova que ten que ter un percorrido para ser coñecida e para que os alumnos a poidan incluír entre as súas preferencias”.