DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As científicas da UVigo recolleron os galardóns no acto celebrado no Pazo de Fonseca

A RAGC recoñece o traballo das investigadoras Ángeles Sanromán e Isabel Pastoriza no Día da Ciencia en Galicia

Sanromán recibíu a Medalla Parga Pondal e Pastoriza a Antonio Casares 

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Medios
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Premios
  • Investigación
DUVI 07/10/2022

As investigadoras e docentes da Universidade de Vigo, Ángeles Sanromán Braga e Isabel Pastoriza Santos, recibiron estes xoves 6 de outubro, co gallo da celebración do Día da Ciencia en Galicia, as Medallas de Investigación 2022, Isidro Parga Pondal e Antonio Casares, respectivamente, da Real Academia Galega de Ciencias. No acto celebrado no Pazo de Fonseca en Santiago de Compostela, a RAGC  homenaxeou este ano a Juan Rof Codina (El Prat de Llobregat, Barcelona, 1874 – Lugo, 1967), impulsor da veterinaria en Galicia e España, como Científico Galego do ano 2022. Xunto a Sanromán e Pastoriza a relación de galardoados coas Medallas de Investigación da RAGC 2022 completárona os científicos da USC, Jesús López Romalde, Ramón Máiz Suárez e Jorge Mira Pérez, que recibiron as medallas Ángeles Alvariño da sección de Bioloxía e Ciencias da Saúde; a medalla Domingo García-Sabell Rivas da sección de Ciencias Económicas e Sociais e a medalla Enrique Vidal Abascal da sección de Matemáticas, Física e Ciencias da Computación, respectivamente.

O catedrático de Historia Contemporánea da USC Lourenzo Fernández Prieto, experto na historia das sociedades rurais e do cambio tecnolóxico agrario e autor de varios traballos sobre Rof Codina, impartiu a conferencia Juan Rof Codina (1874-1967), un veterinario galego doutro tempo, un científico de cando os veterinarios aprendían dos labregos, na que resaltou que “o que máis asombra del é o inmediato entusiasmo que sentiu pola sociedade rural galega, a súa agricultura e a súa gandaría”. Pola súa banda, o presidente da Academia, Juan Lema, salientou na súa intervención “a traxectoria dun científico excepcional, un català de Lugo que conseguiu mellorar radicalmente a sanidade e produtividade do sector gandeiro, incorporando novos paradigmas como a prevención. Pero o seu labor non se limitou a Lugo nin a Galicia, a súa visión avanzada permitiu modernizar os procedementos veterinarios en España”, dixo. 

O acto celebrado en Santiago contou coa presenza, entre outras autoridades, do reitor da Universidade de Santiago, Antonio López; a vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación da UVigo, Belén Rubio; a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro; Lara Méndez, alcaldesa do Concello de Lugo (cidade onde Rof Codina desenvolveu a súa carreira); Gabriel Soriano, concelleiro de El Prat de Llobregat (vila natal do homenaxeado); o presidente da Academia de Ciencias Veterinarias de Galicia, Antonio Crespo; a vicedecana da facultade de Veterinaria da USC, Maribel Quiroga; e dous netos do homenaxeado, José María e Juan Sancho Rof; así como académicas e académicos da RAGC e representantes de diversas institucións políticas, educativas, culturais e de investigación galegas.

Medalla Isidro Parga Pondal da sección de Ciencias Técnicas para Ángeles Sanromán

Na cuarta edición da entrega dos seus galardóns, a RAGC recoñeceu coa Medalla Isidro Parga Pondal da sección de Ciencias Técnicas á catedrática de Enxeñaría Química da UVigo Ángeles Sanromán (Cádiz, 1964), por ser quen de crear un grupo de investigación de referencia internacional en Bioprocesos Sostibles, desenvolvendo un gran número de solucións para tratar problemas ambientais complexos.

A catedrática da UVigo considera o galardón “un recoñecemento para aqueles que no seu día apostaron por min e animáronme a tomar este camiño tan apaixonante. Por iso gustaríame compartilo cos que ao longo da miña traxectoria foron uníndose ao grupo Biosuv na UVigo e especialmente coa miña familia”. Ángeles Sanromán participou en máis de 50 proxectos de investigación e na elaboración de sete patentes internacionais, ademais de formar parte do reducido grupo de investigadoras e investigadores incluídos na clasificación dos máis citados da Universidade de Stanford.

Isabel Pastoriza, medalla Antonio Casares da sección de Química e Xeoloxía

A investigadora e profesora titular no Departamento de Química física da UVigo, Isabel Pastoriza Santos (Bueu, 1974) recibiu no Día da Ciencia en Galicia a Medalla Antonio Casares Rodríguez da sección de Química e Xeoloxía da RAGC, polo desenvolvemento dunha liña de máximo interese na síntese de nanopartículas de ouro e prata mediante química coloidal, con enormes campos de aplicación en saúde e en procesos produtivos e ambientais.

 “Síntome moi honrada por recibir esta distinción da RAGC. Como se recoñece a traxectoria científica, debo e quero compartir o premio con todas as persoas que me acompañaron e apoiaron ao longo da miña traxectoria investigadora, así como tamén coa Universidade de Vigo”, explica Pastoriza, que suma máis de 40 artigos nas revistas científicas internacionais máis prestixiosas no eido da Química, ademais de impulsar a posta en marcha da Rede de Nanomedicina en Galicia.