DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O escritor e xornalista ofreceu este martes unha conferencia no campus de Ourense

Ramón Chao advirte que a censura mantense agora nas mans das multinacionais

Durante a súa intervención fixo un repaso por medio século de profesión

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 15/05/2012
“A censura agora está en mans de multinacionais. A censura que antes exercían os gobernos agora exércena os grandes empresarios”. Deste xeito resumía o escritor e xornalista galego Ramón Chao a súa visión sobre a censura no pasado e na actualidade, tema escollido para a súa conferencia este martes no campus de Ourense. Ante preto dun cento de persoas, o vilalbés fixo un percorrido por medio século de exercicio profesional en España e Francia no que o reixetamento a ser censurado marcou en moitas ocasións o camiño a percorrer.

A conferencia de Ramón Chao foi presentada por María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense; José Antonio Novoa, representante de Xóvenes Estudiantes de Ourense, asociación organizadora do acto; e Mónica Ares, vogal do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia. “É un pracer ter hoxe neste campus a Ramón Chao, un home sempre comprometido coa súa terra e coa realidade”, salientou María Lameiras durante a súa intervención. Unha satisfacción compartida por José Antonio Novoa, que destacou que Chao “é unha desas persoas que abre camiño aos demais”, e por Mónica Ares, que gabou a súa traxectoria profesional e persoal, “a pesar de que Ramón non ía para xornalista senón para pianista”.

Os primeiros desencontros

“O primeiro xornal onde me censuraron foi en El Alcázar, arredor de 1968, cando daquela pertencía ao Opus Dei máis aperturista e estaba enfrontado coa Falanxe. Nesa loita, Manuel Fraga gañou e a min botáronme cando lle devolveron o xornal á irmandade defensora de El Alcázar”, lembrou Ramón Chao. Esta decisión, motivada na súa opinión polos artigos que publicara sobre as persoas de esquerda protagonistas do maio do 68, foi a primeira dunha serie de desencontros de Chao coa censura do goberno e do empresariado posteriormento.

Da censura na época franquista destacou que “foi peor a liberdade de prensa que nos deu Fraga que o que había antes, pois o artigo 2 da Lei de Prensa permitía que calquera puidera denunciar un artigo que non lle gustaba”. Curiosamente, e tal e como lembrou Mónica Ares durante a súa intervención recollendo as propias palabras de Chao, "Manuel Fraga foi a persoa que máis me beneficiou a Ramón Chao na súa carreira de pianista pero a que máis lle prexudicou como xornalista”, en referencia a como Manuel Faga, veciño de Chao en Vilalba, lle conseguiu unha bolsa para estudar piano cando era novo e aínda non exercía como escritor.

A satisfacción de Internet

Ao longo de medio século as situacións de ter que deixar de publicar en determinados medios por non estar de acordo co seu tratamento informativo foise repetindo, primeiro censurado durante a época franquista polo goberno e logo en democracia polos intereses económicos dos empresarios ou multinacionais das que forman parte os xornais. “Eu non tiña ningún reparo en escribir o que quería e irme se me tiña que ir. Tiña un salario fixo e iso dábame unha liberdade e tranquilidade que outros xornalistas non gozaban”, apuntou Ramón Chao. Xunto a esta posibilidade económica de facer o xornalismo que desexaba a súa carreira guiose pola máxima de “non escribir nun xornal que non podía ler”, dixo.

Alén do seu traballo xornalístico que segue facendo en Le Monde Diplomatique, o escritor explicou a satisfacción que lle produce desde fai dous anos escribir un blog propio, “onde teño liberdade completa para pór o que desexo”. Para Ramón Chao, os centos de lectores que cada día visitan o seu espazo en Internet son uns lectores moi apreciados e para eles escribe coa mesma dedicación que o fai para os do xornal en papel.