DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo a tese de María Calado

Rapazas con baixa autoestima e desordes alimentarias, as máis vulnerables ante os medios

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
Marta Casanova DUVI 20/02/2008

As persoas máis propensas a sufrir insatisfacción co seu corpo son as rapazas con coñecemento do ideal corporal social, desordes alimentarias, baixa autoestima e sobrepeso. Esta é unha das principais conclusións ás que chega a investigadora María Calado chega na súa tese de doutoramento, unha investigación na que analiza a influencia dos medios de comunicación na imaxe corporal e nas desordes alimentarias en estudantes de secundaria.
Na realización do estudo Calado tivo en conta a relación entre a exposición dos rapaces ás revistas e á televisión coa interiorización e coñecemento do ideal sociocultural en canto ao corpo, a comparación, a autoestima, a insatisfacción corporal e as actitudes patolóxicas cara a comida.
En todas estas variables atopáronse substanciais diferencias por xénero, sendo as mulleres as máis vulnerables. Por exemplo, as mozas estaban expostas con maior frecuencia aos contidos dos medios de comunicación relacionados coa aparencia e os métodos de control de peso, mentres que os varóns o estaban aos de tipo informativo. Como consecuencia, as mulleres presentaron índices maiores de interiorización e coñecemento do físico ideal, de comparación social, de insatisfacción e de actitudes patolóxicas cara a comida así como niveles menores de autoestima. Doutra banda, a maior índice de masa corporal, maior insatisfacción corporal, algo que tamén se dá nas mulleres de peso normal.
Na mostra empregada no estudo participaron 1115 estudantes de 3º e 4º de ESO de toda España dos que 568 eran rapazas e 547 rapaces. En termos xerais detectouse que, o 10,2% da poboación presentaba risco de actitudes patolóxicas cara a comida e o 11,2% risco de insatisfacción corporal.
Tendo en conta o amplo sector da poboación que encaixa nos factores de risco, fundamentalmente mulleres, a autora opina que é necesario levar a cabo campañas preventivas non só a nivel individual, senón tamén social.

A autora

Licenciada en Psicoloxía, María Calado traballa actualmente como investigadora na Fundación Biomédica do Complexo Hospitalario Universitario Xeral- Cíes de Vigo CHUVI. Ademais exerce como profesora invitada na Universidade de Vigo e é membro do equipo de investigación da docente María Lameiras. Entre as súas publicacións máis destacadas é necesario citar o libro Profesoras e profesores no sistema universitario galego. Unha perspectiva de xénero editado pola Xunta de Galicia en 2006 e do que é coautora.