DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ciencias Sociais e da Comunicación celebra este xoves dúas décadas de traxectoria

Un recoñecemento aos catro piares que sustentaron 20 anos de historia

O acto institucional do aniversario estivo dedicado a alumnado, profesorado, PAS e empregadores

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Eduardo Muñiz DUVI 27/11/2014

No outono de 1994, o antigo Fogar Provincial de Pontevedra acollía ás primeiras clases da licenciatura en Publicidade e Relacións Públicas, nos que eran os primeiros pasos dunha facultade, a de Ciencias Sociais e da Comunicación, que este xoves celebra os seus 20 anos de historia efectuando un recoñecemento “aos catro piares que sosteñen este centro”, como apuntou a súa decana, Emma Torres. Os preto de 3000 alumnos que a longo de dúas décadas deixaron no centro “gratos recordos e grandes ideas”, o profesorado, o persoal de administración e servizos e aquelas empresas e institucións que acolleron aos profesionais formados no centro foron os protagonistas do acto institucional co que a facultade botou este mediodía a vista cara o pasado.

Nun acto sen conferencias maxistrais nin mesas presidenciais e que pretendía “facer ver ao público un pouco como facemos as cousas nun centro marcado pola creatividade”, Ciencias Sociais e da Comunicación quixo poñer en valor o labor realizado “por toda a xente que colaborou para a que a facultade estea no punto que está logo de 20 anos”, salientou Torres. Non en van, este centro convertíase hai unhas semanas no primeiro de Galicia en acreditar as súas titulacións, ademais de ser "a segunda facultade da Universidade que máis alumnos Erasmus recibe e de manter a súa demanda nestes tempos complexos, xa que logrou pechar a matrícula de todas as súas titulacións”, como salientou Torres nunha xornada dedicada a facer balance da historia dun centro co que milleiros de persoas manteñen “unha vinculación para sempre, xa que unha vez pasas por aquí, non o esqueces”.

“Todo permanece e todo cambia”

Estas verbas serviron ao vicerreitor do campus, Juan Manuel Corbacho, para propor no peche deste acto unha “viaxe no tempo” para recordar os inicios dunha facultade que, dúas décadas despois, segue formando nas súas aulas a “comunicadores polivalentes”. Non en van, Corbacho non só interveu neste acto en calidade de vicerreitor ou de ex-decano, senón tamén como alumno da promoción coa todo comezou hai agora 20 anos. Pero ademais de lembrar o pasado, o vicerreitor tamén quixo mirar ao futuro, xa que “Pontevedra é hoxe máis que nunca unha cidade universitaria, con preto de 4000 alumnos, 28 títulos e un campus que avanza con paso decidido cara a especialización, grazas ao proxecto do Campus Crea, no que esta facultade debe xogar un papel protagonista”, salientou.

Xunto a Corbacho, o vicedecano de Calidade, Alberto Dafonte, alumno da primeira promoción de Comunicación Audiovisual, e o titulado en Dirección e Xestión Pública Alberto Martínez, presidente da asociación de alumnos e egresados desta titulación, representaron ao alumnado nun acto que tamén contou coas felicitacións en vídeo dunha serie de egresados e egresadas e no que ata as propias actuacións musicais correron a cargo de xente da casa, os estudantes que forman o dúo Australia e a titulada Ari Magritte.

Unha facultade “para unha nova sociedade”

En representación do profesorado, subiron ao estrado sete dos dez decanos cos que contou a facultade nestes 20 anos de historia. O primeiro deles, o catedrático da Universidade Complutense Alejandro Pizarroso, que no ano 1993 comezou a traballar “nun despacho en Vigo nun plan de estudos viable e en recrutar ao profesorado”, como recordou nun acto no que expresou a súa satisfacción por ter contribuído ao nacemento deste centro. Ao ano seguinte, as clases comezaron a impartirse con Manuel Fernández Areal como o primeiro decano, quen nesta xornada destacou a evolución dunha “facultade pioneira para unha nova sociedade, que ten nos alumnos espallados por toda a xeografía galega a súa mellor tarxeta de visita”. Tanto Pizarroso Quintero como Fernández Areal participaron nunha homenaxe á que tamén se sumaron os ex-decanos Alberto Pena, Daniel Martí e Fortunato Rodríguez.

Tamén xogou un papel activo nos primeiros pasos desta facultade Cándido Portela, que interveu en representación do PAS, un “persoal que contribuíu de forma fundamental ao funcionamento desta casa e que segue a realizar un esforzo moi notable”, como salientou Torres. Por último, esta homenaxe aos “catro piares” do centro completouse cun recoñecemento á Deputación de Pontevedra pola posta en marcha dun plan de práctica laboral “grazas ao que moitos dos nosos titulados están hoxe traballando”.

20 anos non son nada

Ese é o título da exposición retrospectiva que para esta xornada se instalou nos corredores do centro e que reúne unha serie de traballos realizados por alumnado das diferentes promocións dos tres graos do centro. Unha exposición que “foi coordinada por alumnos de Publicidade e Relacións Públicas”, como apuntou Torres, que quixo resaltar a implicación amosada polo estudantado con esta xornada de homenaxe, xa que foron tamén os responsables do protocolo do acto institucional ou de preparar os diferentes vídeos que nel se proxectaron.

Reunión da canteira de onte e de hoxe

Un almorzo de traballo, dirixido ao profesorado, sobre a situación da investigación en Ciencias Sociais, no que participaron José Manuel de Pablos, director da Revista Latina de Comunicación Social; Carlos Barrera, editor da revista Communication & Society; e Andres de Blas, membro do Comité Asesor da CNEAI (Comisión Nacional Avaliadora da Actividade Investigadora) abriu esta mañá o programa dunha xornada que completan serie de actos “abertos a todo o mundo pero dirixidos fundamentalmente ao alumnado e moi orientados á empregabilidade”, como salienta a decana. Por unha banda, a celebración de tres mesas de Experiencias exitosas made en CSC, unha por cada titulación, “nas que participan egresados e profesionais de recoñecidos prestixio” que relatan a súa experiencia laboral nun coloquio co alumnado. A esa mesma idea responde tamén O turno da canteira, unha actividade de orientación laboral que reúne na facultade a trinta titulados e tituladas, hoxe profesionais de diferentes ámbitos, cos que os estudantes poden manter unha reunión nas diferentes mesas instaladas tanto na planta baixa como no primeiro andar do centro.