DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O reitor agradece o recoñecemento da institución ao fío da celebración do Bicentenario

Un recoñecemento que introduce á Universidade na historia de Vigo

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría DUVI 26/10/2010
A Universidade de Vigo será unha das dez entidades que este mércores recibirá o galardón que outorga o Goberno Municipal de Vigo como agradecemento pola súa labor ao longo dunha parte dos 200 anos de historia da cidade que precisamente se conmemoran este 27 de outubro. Un recoñecemento que cobra a forma dunha réplica da escultura que Silverio Rivas realizou para a Praza do Bicentenario e que supón segundo o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, “ademais dunha honra para a institución a súa entrada na historia da cidade, dándolle valor de fito histórico á súa creación hai agora 20 anos”.

Xunto á Universidade de Vigo, Caixanova, Faro de Vigo, Grupo RadioVigo, Celta de Vigo, Porto de Vigo, PSA Peugeot Citroen, Zona Franca e o naval e o sector pesqueiro- Cooperativa de Armadores, recibirán un galardón que o alcalde de Vigo, Abel Caballero, asegura que “sintetiza ás institucións que con dimensión histórica veñen camiñando coa cidade”.
Un camiño que no caso da Universidade de Vigo remóntase a hai dúas décadas o que pon de manifesto unha xuventude que sen embargo agora con este recoñecemento “amosan a súa importancia na historia da cidade”, afirma o reitor que non elude a responsabilidade que considera leva implícito o galardón e “ao que daremos resposta”.

Celebracións do Bicentenario

O actos de celebración do Bicentenario de Vigo comezarán este mércores ás 11.30 coa inauguración da Praza do Bicentenario na confluencia das rúas Camelias, Venezuela e Blein Budiño. A partir das 13.00 horas no Auditorio Municipal celebrarase a gala de entrega de recoñecementos ás entidades e colectivos de Vigo. Os actos rematarán cun concerto conmemorativo a cargo da Coral Casablanca no Auditorio do Centro Cultural Caixanova ás 20.30 horas.