DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este martes presentáronse as dúas iniciativas froito dun convenio do Grupo Gen coa Deputación

A Rede Localis lanza o Observatorio Municipal Galego e o seu primeiro informe sectorial

O seu obxectivo é profundar no coñecemento da realidade do concellos

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
Rosa Tedín DUVI 23/01/2018

En febreiro de 2017 a Deputación Provincial de Ourense e o Grupo de Investigación Governance and Economics Research Network (Gen), a través da súa Asociación Gen+, asinaron un convenio de colaboración que tiña como obxectivo profundar no coñecemento da realidade do municipalismo. Froito dese acordo, este martes presentouse o Informe Rede Localis e o Observatorio Municipal Galego.

Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense; Santiago Lago, catedrático do Departamento de Economía Aplicada da Universidade de Vigo e director do Grupo Gen, e Alberto Vaquero, co-director da Rede Localis, foron os encargados de explicar as características destas iniciativas. Manuel Baltar destacou como desde o ente que preside “estamos apostando pola innovación no ámbito do municipalismo” e polo seu estudo “non só a nivel ourensán senón galego”, aposta na que enmarcou esta “alianza” co Grupo Gen e as dúas ferramentas presentadas este martes. Agradecendo esta colaboración, Santiago Lago salientou como o convenio asinado coa Deputación contemplaba a celebración dun congreso estatal sobre municipalismo, celebrado o pasado mes de xuño, e a realización das dúas iniciativas presentadas agora.

Reflexións e información actualizada

Sobre o Informe Rede Localis. Organización e financiamento de servizos municipais, coordinado por Mª Concepción Campos e Roberto Fernández, o catedrático do Departamento de Economía Aplicada da Universidade de Vigo destacou que se trata dun documento que ofrece “un enfoque moi plural” sobre o municipalismo, agrupando as reflexións de 15 “expertos académicos de primeiro nivel e persoas da administración moi activas” que abordan outros tantos “temas relevantes”, desde o financiamento ata a fragmentación local. Sobre o Observatorio Municipal Galego, Lago subliñou o feito de que ofrece “unha radiografía en tempo real e on-line” das contas dos concellos galegos.

O Observatorio Municipal Galego, sinalan os seus responsables, recolle e difunde a través da súa web “información relacionada coa economía e fiscalidade local dos 313 concellos galegos”. Esta ferramenta, detallan, permite consultar “en que se gasta, canto se gasta, para que se gasta ou canto se ingresa e as principais partidas de ingresos a nivel municipal”. Ademais, na súa páxina web é posible facer comparacións por tamaño municipal ou de ámbito provincial. Por último, o observatorio fai públicas periodicamente notas nas que analiza en detalle algún aspecto de interese en relación cos datos que manexa.

A “boa saúde” económica dos concellos

A preguntas dos xornalistas, Santiago Lago ofreceu algunhas pinceladas sobre os retos que afronta o municipalismo galego. Neste senso salientou como en Galicia “os concellos e deputacións non teñen problemas co déficit nin coa débeda”. Así, indicou, como consecuencia das medidas tomadas nos últimos anos estas entidades atópanse en superávit ou próximas a acadalo. Pola contra, sinalou, a problemática xorde cando algúns concellos, atendendo a esa “boa saúde”, queren “ampliar os servizos pero llo impide o teito de gasto”. Tamén destacou como “o mapa galego non está particularmente fragmentado”.

Pola contra, entre as dificultades para afronta o municipalismo galego, o catedrático do Departamento de Economía Aplicada da Universidade de Vigo, situou acadar “unha carteira de servizos locais potentes” por parte dos concellos do rural e sobre todo o avellentamento da poboación. Neste senso advertiu como Ourense ten xa na actualidade as cifras de envellecemento que se agardan para a Unión Europea en 2050. Neste escenario, Santiago Lago apostou por converter esta problemática “nunha oportunidade” e facer de Ourense “o laboratorio da UE” neste senso.