DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A idea é de dous alumnos do Máster en Creación, Dirección e Innovación na Empresa

Unha rede social dedicada á formación acada o 2º Premio ao Mellor Proxecto Empresarial

Os gañadores, Natividade Vila e Federico Martín, recibiron 3000 euros e un ano nun niño da Tecnopole

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 01/03/2012

Natividade Vila e Federico Miretti eran ata hai moi pouco tempo estudantes da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense. Hoxe son dous emprendedores que veñen de gañar a segunda edición do Premio ao Mellor Proxecto Empresarial do Máster en Creación, Dirección e Innovación na Empresa da Universidade. Cos 3000 euros no peto e un ano de balde nun niño da Tecnópole que outorga o galardón, intentarán facer realidade a súa idea de negocio de crear unha rede social especializada na formación baixo o nome de FENA. No camiño que emprenden contan coa experiencia de éxito de Ninktec, a empresa gañadora na anterior edición.

O acto de entrega do premio contou coa participación de Alberto Vaquero, director da Área de Descentralización do campus de Ourense; Elena Rivo, coordinadora do Máster en Creación, Dirección e Innovación na Empresa; Luisa Pena, directora da Tecnopole; Artur Yuste, director xeral do Grupo Cuevas; e Beatriz Fernández, da Obra Social de Novagalicia Banco. Todos eles salientaron a importancia de fomentar en tempos de crise o emprendemento e a colaboración entre institucións para axudar á xente nova e con ideas a sacar adiante os seus proxectos empresariais.

“O noso proxecto leva o nome de FENA e pretende ser unha rede de formación para diferentes áreas da administración, unha rede focalizada na educación normativa de administración”, explica Federico Miretti. A iniciativa funcionaría a semellanza das redes sociais actualmente existentes, cun perfil aberto ao inicio do proxecto pero coa idea de que unha vez consolidado se oriente cara unha rede privada de formación de alto nivel educativo. Con esta perspectiva de futuro, o equipo formado por Miretti e Vila afrontan agora con ilusión a idea de instalarse canto antes no niño da Tecnopole e poder comezar en setembro a ofrecer os seus servizos.

A experiencia do galardoados na primeira edición

Para aconsellarlles no camiño que teñen por diante como emprendedores estivo no acto de entrega do galardón Pablo Gutiérrez, gañador da primeira edición do Premio ao Mellor Proxecto Empresarial do Máster en Creación, Dirección e Innovación na Empresa. Un ano despois de presentar a súa idea, Gutiérrez explicou como a súa empresa foi evolucionando e como agora Ninktec está ubicada en Vigo, traballa na busca de solucións informáticas específicas para cada cliente e continúa avanzando no proxecto dunha rede social de intercambio de ideas. “Ser emprendedor é que onte me deitei ás catro da mañá pero funme para a cama cun sorriso como se fora de copas, así que a seguir emprendendo que é o bonito”, díxolles Gutiérrez aos futuros emprendedores.

Durante o acto a directora do mestrado presentou a que será a terceira edición do premio, que estará dotado nesta ocasión con 2000 euros achegados polo Grupo Cuevas e un niño na Tecnopole durante un ano para a persoa gañadora.