Alumnado de Dirección e Xestión Pública presenta o informe de posicionamento na rede de 'Visit-Ponte
As redes sociais desde os ollos dun especialista en xestión pública
No marco dun convenio de prácticas entre a Universidade e o Concello de Pontevedra
Case dous meses de prácticas na Oficina de Turismo do concello de Pontevedra foron suficientes para que dúas alumnas e un alumno do último curso do Grao de Dirección e Xestión Pública, Guadalupe Reboredo, Sandra Mosquera e Alexandre Rodríguez, elaborasen unha estratexia de posicionamento na rede de Visit-Pontevedra, páxina web que fomenta no mundo virtual o turismo da cidade. Esta colaboración é froito dun convenio entre a Universidade e o propio concello “permitíndolles ao noso alumnado facer algo práctico e innovador e implicándose na experiencia laboral”, comentou o profesor Enrique Xosé Varela, coordinador das prácticas.
Presentado polo concelleiro de Turismo e Educación en funcións, Julio Castela, o informe é o resultado “dun exhaustivo estudo de como se atopa a empresa de turismo nas redes sociais e que estratexias hai que levar a cabo para sacar o seu máximo rendemento”, explicou Varela. Agora ben, o profesor quixo resaltar a importancia de que esta práctica fora realizada por alumnado de Dirección e Xestión Pública, pois “aínda que estamos a falar de redes sociais non hai que esquecer que non se trata dunha conta particular, senón dunha rede institucional, dun espazo público, polo que haberá que deseñar actuacións moi adaptadas a esta realidade, cuestión na que o noso estudantado está perfectamente formado”.
Pola súa banda Guadalupe Reboredo, unha das alumnas responsable do informe, salientou que con estas prácticas puideron demostrar a valía da súa formación “máis aló da administración pública, pudendo empregarnos en novos ámbitos que ofrecen as novas tecnoloxías”. Para o alumnado en xeral o balance foi moi positivo “porque aceptaron e acolleron con entusiasmo as nosas propostas”, comentaron.