DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa participación da Universidade este martes e mércores celébrase o Foro Vigo Innovación

Unha reflexión colectiva para impulsar un cambio de modelo produtivo baseado na innovación

Xosé H. Vázquez presentará o estudo "Diagnose da situación da innovación en Vigo"

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
Mª del Carmen Echevarría DUVI 09/01/2012
Como xeradora de coñecemento que é, a Universidade de Vigo estará presente no Foro Vigo Innovación que organizado polo Consorcio da Zona Franca celebrarase este martes e mércores no Centro Social Novacaixagalicia. O director do Máster en Innovación Industrial e Optimización de Procesos, Xosé Henrique Vázquez, será o encargado de abrir a quenda de relatorios coa presentación do estudo Diagnose da situación da innovación en Vigo e a súa área de influencia realizado pola Universidade de Vigo e o Consorcio da Zona Franca. “Fixemos unha ferramenta de diagnose e benchmarking da innovación para axudar ás empresas a reflexionar sobre como poden mellorar o seu proceso de I+D+i”, explica Vázquez que aclara que esta ferramenta compara máis de dez factores claves da I+D co estándar sectorial a nivel español, ao tempo que propón un cento de recomendacións segundo a diagnose e tendo en conta o tamaño da empresa e o sector. “Os datos introducidos polas empresas para realizar a súa diagnose son os inputs que usamos para facer o informe agregado que se presentará este martes e que se publicará proximamente tras recibir feed back doutros axentes”, sinala o investigador principal.

As intervencións que completan o programa do foro correrán a cargo de destacados poñentes nacionais e internacionais como Julian Birkinshaw, profesor no London Business School; Günter Warsewa, director do Instituto de Traballo e Empresa da Universidade de Bremen ou Enrique de la Rica, director da Escola de Negocios ESEUNE e Alfonso Martínez Cearra, director xeral de Bilbao Metrópoli-30.

Estimular unha dinámica de innovación na sociedade viguesa

Lonxe de presentarse como unha solución aos problemas de Vigo, o Foro segundo Xosé Henrique Vázquez pretende ser “un grao de area inicial para estimular a reflexión colectiva sobre como se pode motivar o cambio de modelo produtivo nunha cidade que ten grandes fortalezas pero que necesita estimular o cambio para non desengancharse doutras como Madrid e Barcelona”. Habida conta que a reflexión que promove o Foro pretende ser colectiva o encontro está dirixido a toda a cidadanía, desde o axentes directamente implicados coa I+D+i ata as persoas que senten como propio os retos asociados ao futuro da cidade.

Un de eses axentes directamente implicados coa I+D é a Universidade de Vigo que segundo Vázquez debe traducir a súa implicación no fomento da innovación en tres liñas de actuación xenéricas. “En primeiro lugar ofrecer unha formación que coide os aspectos intelectuais e humanos dos egresados e que consiga un matching perfecto cos requerimentos do mercado. En segundo lugar debemos incorporarnos ao mapa global de xeración de coñecemento e en terceiro lugar debemos ter a capacidade de interlocución co entramado social e economíco para colaborar en proxectos con eles , pero non en calquera proxecto senón naqueles nos que a Universidade poida aportar un valor engadido diferenciado”, concreta o director do máster.