DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os investigadores do CIM-UVigo xa emprenderon o retorno, tras un mes na illa Decepción

O regreso da Antártida a Vigo, unha viaxe na que o clima manda

O mal tempo está a retrasar os desprazamentos, pero agardan chegar a España este luns 19

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Investigación
  • Medio Ambiente
  • Investigación
DUVI 16/02/2024

O regreso a casa dos investigadores do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo (CIM) que forman parte da XXXVII Campaña Antártica está a ser un pouco máis complicado do previsto por mor das condicións meteorolóxicas. A travesía en barco, normalmente dun día de duración, que une a illa Decepción e a illa Rey Jorge, desta volta será de tres días. E é que a mala mar está a dificultar a navegación do buque oceanográfico Hespérides, abordo do que están os científicos Mariano Lastra, Jesús Troncoso e Jesús López. 

Tras un mes na Antártida, no que o frío, a xistra e a mala mar complicaron o traballo, os investigadores emprenderon xa o regreso a Vigo. Saíron da base do Exército de Terra Gabriel de Castilla este pasado mércores día 14 e agardan chegar hoxe venres á Illa Rey Jorge e, se as condicións climáticas o permiten, collerán un avión que os levará nunha viaxe de 2-3 horas a Punta Arenas. De aí, terán que voar a Santiago de Chile e logo coller outro voo que os traerá a Madrid, onde está previsto que cheguen o vindeiro luns19 de febreiro. Unha viaxe complicada e esgotadora pero que ben paga a pena cando lembran os bos momentos pasados no último mes, no que como explica Mariano Lastra, “a convivencia na base foi moi boa e a dotación do exército desvívese para que os científicos realicemos o noso traballo e para que teñamos todas as comodidades posibles. O resto de compañeiros doutros proxectos científicos igualmente foron moi boa compañía, porque alí todos nos apoiamos e preocupamos uns dos outros para que todos os proxectos saian adiante. A colaboración no Antártico non é unha opción é unha obrigación”.

O equipo de científicos do CIM chegou á base española o pasado día 13 de xaneiro para desenvolver a segunda campaña de traballo no marco do proxecto Radiant (a primeira foi en 2023), un dos trinta que conforma a XXXVII Campaña Antártica coordinada polo Exército de Terra. O seu obxectivo era avaliar o efecto da radiación solar e da temperatura sobre a degradación da biomasa macroalgal en intermareais sedimentarios en Porto Foster, na illa Decepción.

Obxectivos cumpridos

Os investigadores amósanse satisfeitos co traballo realizado neste tempo. “Tivemos moita sorte co tempo. Vimos pouco o sol, pero as condicións foron o suficientemente boas para poder acabar todas as mostraxes de campo e os experimentos previstos. Non obstante, houbo problemas que solucionar”, como destaca Mariano Lastra. “Grazas ao apoio do persoal do Exército de Terra que xestiona a base puidemos solucionar sobre a marcha os problemas que xurdían. Algúns días tivemos mal tempo e non houbo máis remedio que quedarse dentro da base, sen saír ao campo, e outros días, a mar estaba en malas condicións e non se podía botar a zodiac á auga”, lembra Lastra.

Pero os investigadores foron previsores, grazas á súa experiencia noutras oito campañas previas na Antártida, e tiveron en conta estas posibilidades na súa planificación. “Íamos con tempo suficiente para que, se fallaba algo, poder intentalo de novo. Iso é algo que aprendemos ao longo das campañas. Na Antártida cando calculas o tempo dun traballo ou dun experimento, tes que multiplicalo despois por dous, por se acaso”, recoñece Mariano Lastra.

Agora, quédalles un ano de traballo por diante (o proxecto Radiant ten unha duración total de tres) para procesar as mostras e realizar o tratamento numérico dos datos. En función dos resultados que obteñan considerarán volven pedir un proxecto e seguir traballando na Antártida. A curto prazo, os investigadores intentarán presentar en maio deste ano os primeiros resultados da campaña do ano pasado no X Simposio de Estudos Polares que se celebrará en Salamanca.

Proxecto Radiant

O proxecto Radiant céntrase nos depósitos de macroalgas procedentes do substrato rochoso depositadas sobre a liña de costa polas correntes e mareas, que funcionan como xeradores de numerosos procesos ecolóxicos asociados á súa descomposición, incluíndo o consumo, o subministro de hábitat e a actividade bioxeoquímica do sedimento. O obxectivo do equipo do CIM, co que traballa tamén o científico da Universidade de Cádiz, Iván Franco, é cuantificar estes procesos en dez praias ao longo do litoral de Porto Foster e o seu efecto sobre a liberación de nutrientes e a emisión de CO2 a través do sedimento, como estimador da actividade metabólica do substrato. 

Na campaña do pasado ano realizouse unha primeira quenda de probas, ademais de estudar tamén os efectos do aumento de radiación UV e da temperatura relacionada co quentamento climático, sobre as principais variables bioxeoquímicas asociadas aos subsidios de macroalgas depositadas sobre o litoral. Durante a campaña que acaba de concluír, ademais de replicar estas mostraxes, realizaron outros dous experimentos, un de manipulación do medio natural e outro en condicións de mesocomos en laboratorio. No primeiro deles, empregáronse filtros selectivos de radiación UVA/B para valorar a hipótese de que o incremento na radiación UV incidente debida á apertura do buraco de ozono provoca alteracións dos procesos de descomposición da biomasa macroalgal acumulada nos intermareais sedimentarios de Porto Foster. O experimento en mesocosmos, pola súa banda, permitiu estudar os efectos da alteración da UVR sobre os consumidores primarios, analizando a taxa de consumo do anfípodo herbívoro Gondogeneia antarctica sobre fragmentos de dúas especies de macroalgas antárticas que previamente foron irradiadas con exceso de UVA e UVB.