DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na inauguración da mostra Alternalia en Moaña ata o 27 de xuño

O reitor aposta polo desenvolvemento sostible como xermolo dunha nova revolución industrial

A feira céntrase na bioconstrución, enerxías renovables e ecoloxía

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
M. Del Río DUVI 25/06/2010

A sustentabilidade e as enerxías limpas serán o xermolo dunha nova revolución industrial, como da anterior o foron as tecnoloxías da información e a comunicación. Así o afirmou o reitor da Universidade, Salustiano Mato, na inauguración da mostra de bioconstrución, enerxías renovables e ecoloxía, Alternalia, que terá as súas portas aberta ata o domingo 27 de xuño no paseo marítimo de Moaña. Segundo apuntou, este tipo de iniciativas, organizada polo Concello de Moaña, o IES A Paralaia e a Federación de Comerciantes e Industriais do Morrazo, son moi importantes en tempo como o que corre, de crise económica no que “as palabras máxicas son cooperación, alianzas estratéxicas e intelixencia cooperativa”.

O reitor amosou o apoio claro da Universidade a este tipo de eventos, para “achegar o noso coñecemento ao empresariado e ao estudantado, sobre todo de FP, neste caso” e reiterou que os contidos da mostra non son unicamente relevantes para a o desenvolvemento sostible, senón tamén para o económico, como xeradores de postos de traballo” e puxo como exemplo o que suporá o proxecto do coche eléctrico para Vigo. Amosouse convencido de que as enerxías limpas, a bioconstrución e a ecoloxía poden ir da man da industria e de toda a economía, xa que irradian os avances nestes campos tamén cara o sector terciario e animou a industriais e pequenos empresarios a participar activamente neste tipo de eventos. Na mesma liña se expresou o alcalde de Moaña, Xosé Manuel Millán, que apuntou que Alternalia “ten o espírito dun tempo novo” que debe xurdir dunha crise que “non é so de balances contables, senón tamén dun modelo de consumo desordenado, de explotación humana e medioambiental”.

O alcalde aproveitou tamén para felicitar ao novo reitor pola “sabia decisión democrática” da súa elección e agradeceulle, igual que o fixo o concelleiro de Medio Ambiente, Daniel Rodas, o seu apoio a esta mostra nos seus comezos, sendo director xeral de I+D+i.

32 postos e máis de 5000 visitantes no 2009

A mostra conta con 32 postos de empresas e entidades estreitamente ligadas ao desenvolvemento sostible, dende a construción respectuosa co medio, a instalacións eléctricas, vehículos eléctricos, compostaxe, produtos ecolóxicos, mobiliario urbano de aforro enerxético, domótica, cantería, illamento, biomasa... pero tamén do IES A Paralaia, o verdadeiro impulsor desta iniciativa que tenta poñer en contacto aos seus estudantes co tecido empresarial, unha postura que valorou moi positivamente o director xeral de Centros e RRHH, José Manuel Pinal.

O director do instituto, Ramón Eixo e o presidente de Fecimo, Xosé Bangueses, destacaron pola súa banda a importancia de ter sacado adiante un ano máis a mostra a pesar da redución do financiamento e agradeceron ao Concello o esforzo realizado. Todos eles se amosaron confiados na continuidade da mostra nos vindeiros anos e en que nesta edición se superen os 5000 visitantes do ano pasado para poñer en valor a sinerxía entre economía e ecoloxía.

Xornadas técnicas e conferencias

Previo ao comezo da mostra este venres, Alternalia desenvolveu ao longo da semana unhas xornadas técnicas e conferencias nas que participaron expertos e investigadores como o profesor da Universidade de Vigo, Domingo Pérez, do Equipo de Ecoloxía do Solo e Biotecnoloxía Ambiental que presentou proxectos de autoxestión de residuos orgánicos.