DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na terceira edición das Xornadas 'Nós Outras. Comportamentos tradutivos'

Reivindicando, no Día Internacional da Tradución, o carácter feminino desta profesión

Organizadas polo grupo Bitraga-BiFeGa, coa colaboración da Unidade de Igualdade

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Académica
D. Besadío DUVI 01/10/2018

Cada 29 de setembro celébrase o Día Internacional da Tradución, unha data coa que lembrar a Jerónimo de Estridón, tradutor da Biblia, e sobre todo coa que  crear conciencia sobre a importancia que ten esta profesión nunha sociedade cada vez máis globalizada. Desde Vigo, a Facultade de Filoloxía e Tradución, organiza tamén cada ano diferentes actividades coas que celebrar esta data e este ano, e xa van tres, fíxoo coas Xornadas Nós Outras. Comportamentos tradutivos, unha actividade coa que reivindicar o papel das mulleres nunha profesión cada vez máis feminizada.

 “O noso propósito coa organización destas xornadas é visibilizar a profesión da tradutora e de todas aquelas persoas que exercen o labor da tradución ou a interpretación. Queremos pór en valor o papel das tradutoras e para iso imos botar unha ollada á historia da tradución desde o enfoque de xénero”, sinalou na apertura das xornadas a profesora Silvia Montero, investigadora do grupo Bitraga, BiFeGa (Grupo de Investigación en Estudos Literarios e Culturais, Tradución e Interpretación), organizadoras dun evento que conta tamén coa colaboración da Unidade de Igualdade e do Programa de doutoramento en tradución e paratradución. Xunto a ela participaron tamén na apertura das xornadas,  María Isabel Doval, vicerreitora de Responsabilidade Social, Igualdade e Cooperación, e Luis Alonso, decano do centro, ademais das expertas e experto que se fixeron cargo do programa das xornadas.

“As mulleres son as que conforman o grupo máis importante entre as persoas profesionais da tradución”

“Para nós é unha honra volver acoller estas xornadas coas que celebramos o Día Mundial da Tradución e, sinceramente, penso que o tema, as desigualdade de xénero, non podería estar mellor elixido dada a elevada feminización desta profesión, tal e como pode verse hoxe aquí con só botar un ollo ao noso auditorio ou, en xeral, a todo o alumnado do noso centro, sobre todo ao do Grao de Tradución e Interpretación”, explicou o decano. Facendo fincapé nesta mesma idea, a vicerreitora explicou no acto o interese do novo equipo de goberno en elaborar “un elenco de bos materiais para uso educativo sobre cuestións de xénero para poder así transversalizar estas temáticas a toda a Universidade e para poder tamén levar estes recursos e bos materiais didácticos aos centros non universitarios da nosa contorna, pois isto forma tamén parte da nosa responsabilidade social”, recalcou Doval.

As xornadas Nós Outras. Comportamentos tradutivos , dan continuidade ás celebradas nos anos 2015 e 2017, nas que se puña en valor o papel das mulleres na historia da tradución. Nesta ocasión centraron o seu enfoque no papel das mulleres tradutoras, tanto desde o punto de vista teórico como de responsables de editoras, así como no papel que representan na historia recente da tradución dende e cara as linguas do estado español. “As mulleres son as que conforman o grupo máis importante entre as persoas profesionais da tradución e tamén porque elas son as que gozan de menos visibilidade”, explicou Montero.

Da Transición á actualidade

Pilar Godayol, da Universitat de Vic, foi a primeira en abrir as xornadas co relatorio Feminismo e tradución na Transición, unha intervención na que, despois de contextualizar o feminismo da Transición, presentou dous proxectos editoriais feministas que, segundo explicou, loitaron por combater a orfandade materna crónica que impuxera o franquismo. “Comprobamos que, co obxectivo de restaurar a memoria histórica das mulleres e crear debate sobre a súa identidade, a importación da literatura feminista estranxeira foi clave para as transformacións sociais do momento”, explicou a experta.

Desde a Universitat de València chegou José Santaemilia quen, baixo o título La traducción hoy en día: retrato de una profesión feminizada, achegou diferentes datos para o debate sobre a presencia das mulleres no mundo da tradución profesional, de maneira especial na tradución literaria ou editorial. Facendo fincapé na dificultade de conseguir datos precisos sobre a práctica profesional da tradución, repasou  algúns indicadores contidos en diversos informes sobre tradución editorial (2002, 2010 e 2017), publicados tanto polo Ministerio de Cultura como pola asociación ACE Tradutores, que poñen de manifesto que a tradución é un sector laboral feminizado.

O enfoque galego correu a cargo da escritora, tradutora e intérprete, María Reimóndez, que abordou o enfoque feminista da tradución como unha vantaxe competitiva.

Ao igual que nas anteriores edicións, as xornadas foron gravadas en vídeo co obxectivo de elaborar un documento audiovisual no que se compilen as diferentes intervencións da persoas expertas para que poidan ser empregadas nas clases e seguir fomentando así a transversalidade de xénero na formación do alumnado universitario.